A cesureña Beatriz Porrúa dá o salto ó teatro coa obra infantil ‘Tarará Chis-Pum’

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

A cantante cesureña Beatriz Porrúa que dera o slto á popularidade en 2003 debido a súa participación no programa musical da televisión «Operación Triunfo», decidiu cambiar momentaneamente o micrófono pola escea e debutar este fin de semana en Vigo como actriz de teatro formando parte do elenco da obra «Tarará Chis-Pum», producida polo Centro Dramático Galego e que nos vindeiros meses percorrerá boa parte de Galicia, chegando incluso a outros puntos de España coma a cidade asturiana de Xixón.


O espectáculo de carácter infantil conta a historia dunha rapaza, pequena aprendiz de pallasa, que perde o sorriso na escola. Para atopalo de novo decídese a emprender unha viaxe incrible que a levará a percorrer espazos tan dispares coma un mercado, o fondo do mar, o bosque ou mesmo a lúa. Tras unha longa e intensa búsqueda a acción acaba no circo, onde por fin a rapaza se reencontrará co seu riso. Nesta representación, os actores dan vida a máis de corenta persoaxes diferentes, xa sexan humanos, ou animais, vexetais e mesmo obxectos.

A obra é unha revisión da versión de «Tarará Chis-Pum», estreada pola compañía de Artello Teatro en novembro de 1978 en Vigo. Foi, por aquel entón, o primeiro espectáculo profesional dirixido ó público infantil feito en Galicia e a boa acollida que tivo por parte dos espectadores levou a que se realizasen noventa funcións e que a peza se mantivese en cartel ata setembro de 1981, recibindo ademáis unha Mención Especial na primeira edición dos Premios da Crítica.

Agora, en 2007, os seus creadores, Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, puxéronse de novo á fronte cma directores neste reencontro coa obra producido polo Centro Dramático Galego. O espectáculo mantén as esencias da súa estrutura dramática inicial e, sobre todo, o espírito de creación colectivo posto que foi un equipo composto por once persoas entre actores, deseñadores e directores, os que abordaron xuntos o proceso de creación partindo de varias premisas mínimas como a de empregar o texto orixinal, aínda que aberto a improvisacións e novas achegas que serviron para modificar algunhas das esceas e incluso crear algunhas completamente novas. A escenografía e o vestiario, ademáis de seren versátiles, acadan a dimensión de esenciais posto que é a través da luz como se xeran as distintas atmósferas nas que se desenvolve a acción. O obxectivo último do Centro Dramático Galego e facer unha invitación renovada a un xogo baseado na imaxinación, a ilusión e a vontade, poñendo en escea para elo a un elenco integrado maioritariamente por actores mozos.

Este é o caso de Beatriz Porrúa que, a pesar de ser coñecida grazas á música, deu os seus primeiros pasos artísticos sobre as táboas dun escenario. Foi o teatro a primeira disciplina que a engaiolou dende pequena e que, dalgún xeito, a impulsou a probar sorte co canto, unha faceta na que non lle foi nada mal como dan boa mostra os dous traballos discográficos que sacou ó mercado: «Fuego y miel» e «Volver a amanecer», publicado hai só uns meses.

A súa incipiente carreira carreira como actriz ven abalada pola formación que está a recibir na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza e a cesureña afronta con ilusión este reto que se lle presenta coa obra «Tarará Chis-Pum», coa que agarda abrirse novos camiños no que á arte se refire.

Ela soa interpreta neste espectáculo a seis persoaxes diferentes: unha nai, unha nena, unha vendedora, unha serea, unha fogueteira, e, finalmente, unha batutina. Pero nin moito menos está soa no escenario, senón que o elenco complétase con outros seis actores que teñen tras de sí destacables carreiras e traxectorias. E o caso, por exemplo, de Anabel Gago, que en 2006 chegou a recibir o premio Casares á mellor actriz protagonista pola obras «Tío Vania». Ademáis do camiño percorrido dentro do mundo do teatro, fixo tamén incursións no audiovisual, colaborando en varios capítulos da serie da TVG «Rías Baixas», ou participando en algunhas curtas e longametraxes.

Avelino González, que comezou a súa carreira en 1980 e actuou tamén en moitas produccións da TVG para a pequena pantalla e series doutras cadeas nacionais; Noemí Rodríguez, que comezou a súa actividade escénica na Escola Municipal de Teatro de Allariz; ou Fran Peleteiro, formán tamén parte do grupo de actores de «Tarará Chis-Pum». Este último con 18 anos de experiencia, é ademáis director e dramaturgo, desenvolvendo tamén un salientable labor docente en centros de ensino coma a Academia de Artistas de Sanxenxo. Manuel Polo, que procede da escea universitaria, e Xosé Carlos Illanes (actor, director e músico) completan o elenco. A dirección musical corre a cargo de Manuel Pombal, que en 1978 xa compuxera a banda sonora orixinal de «Tarará Chis-Pum».

Trala súa estrea en Vigo este fin de semana, o Centro Dramático Galego ten xa concertadas novas funcións desta peza en localidades coma As Pontes, Ferrol, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela, Narón, Foz ou A Estrada.

Artículo publicado no suplemento semanal «AROUSA, UN MAR DE CULTURA» do DIARIO DE AROUSA do 04/02/07


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.