Nota dos concelleiros non adscritos sobre a negativa do ex alcalde a explicar o envío de 1.249 SMS ó mesmo número.
Como desgraciadamente era de esperar, o ex alcalde de Pontecesures, Manuel Luis Álvarez Angueira, negouse a informar no pleno ordinario de 31 de marzo as razóns que motivaron o envío de 1.249 SMS ó mesmo número dende o teléfono móbil da alcaldía durante os seis meses anteriores a deixar o cargo. Burlouse, de novo, o Sr. Álvarez Angueira do máximo órgano de control e fiscalización do concello como facía cando presidía a corporación (negativa a informar sobre as comidas con acompañantes sen identificar, sobre o imposible consumo de gasoil do Patrol de obras, e tantas cousas máis).
Resulta moi decepcionante o silencio cómplice dos demáis concelleiros do BNG de Pontecesures e tamén da dirección nacional desa formación política ante unha evidencia tan demoledora. Envíar tal cantidade de mensaxes de texto a un mesmo número en 6 meses (en series de 30, 20 ou 15 SMS seguidos con tres ou catro minutos de diferencia nun día calquera) é de un descaro tremendo e revela, cunha claridade meridiana, o mal uso dos recursos de tódolos cesureños.
Vólvense a demostrar as razóns que impediron a estes dous concelleiros posibilitar que o ex alcalde do BNG continuara á fronte da alcaldía. ?s argumentos que tiñamos antes do 16 de xuño engadíronse outros novos, coma non explicar que deu a orde para dar comezo, cinco días antes das eleccións municipais, dunha obra da Consellería do Medio Rural (a de acceso á Toxa) sen adxudicar, nin tan sequera solicitar as oferas ós contratistas por parte da consellería, e que agora vai ter que ser afrontada parcialmente polo concello; o informe do Consello de Contas sobre contratacións a dedo, e agora o escándalo dos SMS.
Cada vez estamos máis convencidos de que cumprimos co noso deber, tomando a decisión de xuño pasado. Sería moi triste que, agora, pola nosa postura, estivese á fronte do concello o candidato nacionalista despois das actuacións que coñeciamos e que estamos a coñecer agora xunto cos veciños.
Pontecesures, 12 de abril de 2008
Luis Angel Sabariz Rolán e Alfonso Diz Villar.
Concelleiros non adscritos de Pontecesures.
0 comentarios