Rouban uns 70 metros lineais do peche da madeira do antigo vertedoiro de lixo de Pontecesures.
En 2003 selouse o vertedoiro de lixo de Pontecesures situado no paraxe de Galiñeiro (monte municipal) e construeuse un vistoso valado de madeira de pouca altura en todo o perímetro do antigo vertedoiro. Dentro do mesmo foron plantadas diversas especies árboreas, incluso polos nenos/as do CPI Pontecesures no día da árbore coma actividade formativa. Tamén nunha zona próxima foi rehabilitado, hai uns tres anos, o miradoiro do Galiñeiro que ten un importante interese paisaxístico.
Pois ben; na mañá de hoxe persoal municipal comprobou que faltaban uns 70 metros dos madeiros horizontais do peche. Sorprendentemente o descoñocido ou descoñecidos cortaron cunha motoserra os tramos de 2 ou 2,50 metros e leváronnos do lugar nalgún medio de transporte. Deixaron os apoios verticais, tamén de madeira, e as unións destes cos madeiros horizontais.
Os feitos foron postos en coñecemento da Garda Civil de Valga esta mañá e nas vindeiras horas vaise presentar a correspondente denuncia logo de facer a valoración exacta do dano causado á institución municipal. Faise un chamamento a calquera veciño que poida facilitar algún dato ou pista sobre os autores do roubo, que se poña en contacto co concello.
0 comentarios