Falar cos mortos.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán o

En Pontecesures era festivo, celebraban a festa da lamprea e por riba, abría as súas portas a feira do coche usado e de ocasión, que é a máis vella de España, porque a dous veciños deulles por ir a Alemaña nos anos vinte e viron que alí vendían os autos despois de os usaren un tempo, para que outros os usasen outro pouco, e así sucesivamente. Con tanta celebración non estaban os veciños para que lles foramos con moitos requilorios, pero non por iso iamos deixar nós o noso roteiro. Chegamos á igrexa de San Xulián onde comezaba unha cerimonia. Un cartel avisa á rapacería: “Prohibido xogar ao fútbol”.

-Como se poñan os pícaros, aprenden o rugby e deixan a praza sen cristais -comenteilles aos colegas.

O director pregúntalle a un dos cristiáns que agardaba alí pola cerimonia se sabía cal das dúas torres fora financiada polo doutor Otero Acevedo, e o tipo contestoulle con outra pregunta, como moi da terra:

-¿Vostede cre que un home das ideas de Otero Acevedo, masón, espiritista, esotérico, que di falar cos mortos… ¿vai meter os seus cartos en amañar a torre dunha igrexa?

-Eu non creo nada, eu repito o que lle lin a Borobó, que é o notario da intrahistoria de Pontecesures. Aínda máis, Borobó di que foi o propio Otero quen botou a faltar a cruz coa que se rematan as torres, e que tirou do seu peto para pagarlle a un obreiro que a subira pendurada do lombo.

-Iso é cáseque imposible.

-Non crea (díxenlle eu). O doutor Otero falaba cos mortos todas as mañás. Logo ía á consulta para falar cos vivos, e pola noitiña, viña á igrexa ¡para falar cos santos.

Fixemos as fotos e deixámolo así, porque se seguimos coa teima, o bo do médico ía pagar sobrecargo de tanta conversa inalámbrica. Na feira dos coches había Porsches a esgalla. Non preguntei prezos porque son de natural modesto..

Por José de Cora. GALICIA HOXE, 07/05/10


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.