A armada arousá, con André Oliveira, inicia o Europeo á fronte do equipo español de canoa.
O C-2 1.000 de Oliveira e Picallo e o C-2 500 de Maquieira e Domínguez buscan hoxe o pase á regata polo título
Medio milleiro de piragüistas de 34 países protagonizaron onte o acto de inauguración do Campionato Europeo de Pista que desde hoxe e ata o domingo dirimirá o nome dos mellores especialistas do continente no encoro asturiano de Trasona. Unha ducia de padexeiros galegos figuran na selección anfitrioa. Entre eles, o groso do equipo de canoa, formado na súa gran maioría por deportistas do Salnés e do Baixo Ulla.
Conforman a partida da zona o cesureño André Oliveira, nas probas de C-1 200 metros e C-2 1.000 -xunto co seu compañeiro do Náutico Firrete Yeray Picallo-, David Maquieira (Náutico O Muíño) e Jacobo Domínguez (Breogán do Grove), no C-2 200 e 500, e David Mascato (Breogán do Grove), o vilagarcián Diego Romero (As Torres-Romaría Vikinga), o grovense Tono Campos (PiraguaMadrid) e Damián Ramos (Breogán do Grove) como tripulación do C-4.
Hoxe entran en lid o C-2 1.000 e o C-2 500, na procura dunha das nove prazas en xogo para as súas respectivas finais. Oliveira e Picallo disputarán a súa serie clasificatoria a primeira hora da mañá, mentres que Maquieira e Domínguez faráno no medio quilómetro a partir da unha da tarde. O obxectivo, rematar entre os tres primeiros e evitar ter que buscar praza para a final na repesca vespertina. As regatas polas medallas están programadas para as 11.24 horas de mañá, no C-2 1.000, e para o domingo ás 13.16, no C-2 500.
O grovense e presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, atópase en Trasona coma xefe do equipo español, acompañado por José Manuel Vázquez, director técnico do Náutico O Muíño e responsable do grupo de tecnificación da Federación Española de Piragüismo en Pontevedra, de onde saíu o 95 por cento dos canoístas que compoñen o combinado hispano neste Europeo.
Vázquez explicou onte que os cinco barcos arousáns parten coa meta común de «meterse nas finais A», as que deciden o nome dos campións e demais medallistas. Claro que nuns casos con máis claridade ca noutros.
Sobre o C-1 1.000 o técnico ribadumiense sinala que é un barco que «se está a comezar a montar este ano, e quizais non sexa o definitivo» de cara a aposta española para as Olimpiadas do 2012.
No C-2 200 e 500 «hai opcións para rematar entre os cinco primeiros, sobre todo no 200», logo de recuperar unha parella que no 2008 fora subcampioa europea júnior no 500, e con Maquieira sexto na final do 200 do último Mundial Abstoluto en parella co asturiano David Fernández.
Do C-1 200 de Oliveira Manuel Vázquez di que «é unha incógnita, porque nos 200 cunha palada mal dada quedas fóra, pero se consegue baixar dos 40 segundos podería sacar mesmo medalla». E do C-4, cunha final directa con só sete barcos, «a ver se se consegue gañarlles a dous, porque os países que veñen son os mellores, e ao contrario ca en España, levan traballando moitos anos o C-4».
LA VOZ DE GALICIA, 02/07/10
0 comentarios