Oliveira gáñalle a partida mundialista a Cal por unha décima de ouro.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

O cesureño disputará o C-1 200 na cita de Poznan grazas a unha gran saída e a un extraordinario final no selectivo

O cesureño André Oliveira tomoulle prestado na mañá de onte o nome o xigante Cal. Fronte ao Goliat da canoa española, o palista do Baixo Ulla transmutouse en David para arrebatarlle ao tretamedallista olímpico a praza hispana do C-1 200 metros no Campinato do Mundo Absoluto da vindeira semana en Poznan, Polonia. Unha décima marcou a diferenza entre ambos na liña de meta do control selectivo en Verducido, só dúas horas despois de que Cal se gañara o pasaporte para a cita mundialista no C-1 1.000 cun claro e cómodo triunfo sobre José Luis Bouza, do Kayak Tudense.
Unha gran saída, na que aproveitou o mal arrinque do seu rival, e un excelente esprint final déronlle a Oliveira a vitoria sobre David Cal. O propio cesureño relataba onte así a regata: «Na saída funme por diante con bastante vantaxe. Nos 100 primeiros metros sacáballe a Cal algo máis dun barco. Entre os 100 e os 150 comezoume a remontar, e nos 50 últimos remamos á par. Cal mesmo me pasou un pouco por diante a uns 20 metros do final. E nas tres últimas paladas voltei a superalo». Finalmente, por unha décima de segundo, con 40,8 segundos para o do Baixo Ulla.
André comenta que pese á súa ampla vantaxe a metade de regata «non me confiei en ningún momento. Xa sabía contra quen competía. Mantiven a máxima tensión toda a regata, porque sei que é unha distancia na que non te podes relaxar o máis mínimo». E tal e como prevera na véspara do selectivo, a clave estivo en saber resistir a embestida de Cal nos últimos 50 metros.
O cambio de canoa cinco anos despois, cunha Nelo Vanquish III na que leva traballando un mes, «quizais puido axudar algo» no resultado final, di o cesureño do Firrete, quen tamén explotou o forte vento a favor que facía a media mañá en Verducido, ideal para alguén coa súa saída rápida. O que complicou a regata, tanto a Oliveira como a Cal, foron as fortes ondas que se levantaron.
A décima de segundo que separou a ambos fixo que ningún dos dous tivese claro o resultado ata que cinco minutos despois do selectivo llelo comunicaran os árbitros da Real Federación Española de Piragüismo.
André recoñecía onte que «non me esperaba moito gañar». Pero fronte á previsible explosión de alegría nestes casos, nas súas manifestacións sobresae a satisfacción por «ver que o sacrificio de todo o ano, os adestramentos no inverno, pagan a pena».
Pase o que pase xa no Mundial de Poznan, o triunfo de onte servíulle ao cesureño para rematar de decidirse. «O vindeiro ano», di, «vou apostar polo C-1 200» e tentar facerse un oco na carreira polas prazas para Londres 2012.

LA VOZ DE GALICIA, 14/08/10

Categorías: Deportes

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.