Mellor sen AVE.
Columna «Vento Fresco» por MANUEL MIRAGAIA DOLDÁN.
DIARIO DE AROUSA, 04/09/10
De entre os medios de transporte o que sempre estivo menos desenvolvido na Galiza foi o ferroviario. E isto é unha verdadeira mágoa, pois o tren é o mellor de todos eles, por economía, comodidade e ecoloxía. Co seu uso diminuirían de xeito significativo os engarrafamentos das cidades, reduciríanse os niveis de contaminación e os accidentes de tráfico. As sociedades máis avanzadas do Ocidente dispoñen desde hai décadas de extensas e ben trazadas redes de camiños de ferro e de comboios modernos, non só para o transporte de viaxeiros, senón tamén de mercadorías.
Os galegos padecimos a falta de vontade dos gobernos do Estado para contarmos cun ferrocarril en condicións. Mantivéronos sen a dobre vía, con camiños de ferro con curvas sinuosas, con ausencia de electrificación, sen trens de proximidade nas zonas urbanas, carentes das necesarias frecuencias e de máquinas eficientes. Todo o anterior impediunos dispor duns servizos ferroviarios decentes.
Os intereses das grandes construtoras de obras públicas e das compañías eléctricas explican en boa medida a extraordinaria expansión da alta velocidade na Península. As cuantiosas adxudicacións poden servir para financiar as actividades dos partidos políticos gobernantes. E como cómpre que as irredentas cidades de Vigo e da Coruña estean moi unidas coa capital do Estado, vainos chegar tamén o AVE. Aínda que polo visto non chegará a iso, pois só será un tren de velocidade alta, non un tren de alta velocidade, xa que non superará os 200 km/h.
Ningunha das grandes organizacións políticas da Galiza cuestionan esta obra faraónica. Malia estarmos en plena crise económica e seguirmos carecendo de servizos públicos básicos, como xardíns de infancia, camas hospitalarias, residencias para a Terceira Idade e axudas aos dependentes, o Estado vai gastar a fortuna de 8.720 millóns de euros, para que logo, cuase seguro, explote as liñas creadas unha compañía privada que buscará o máximo beneficio, como pasa coa Autoestrada do Atlántico. Mellor sería empregaren estes recursos nos servizos sociais dos que aínda somos moi deficitarios e, por mor diso, xerar moito emprego, ou en apoiar ás iniciativas dos emprendedores que desenvolvesen unha economía social ou a creación de tecnoloxía substentábel.
E non falemos do enorme impacto ambiental que terá, ao destruír a paisaxe cos seus viadutos e túneles, separando definitivamente partes da mesma zona e aumentando seis veces o consumo enerxético con relación a un tren convencional. Máis de cincuenta estacións serán suprimidas. E ao construíren os novos camiños de ferro sobre tramos dos antigos imposibilitarase a continuídade do tren entre as vilas de tamaño medio, desequilibrando aínda máis as zonas urbanas das rurais, e a implantación de liñas de proximidade nas áreas metropolitanas.
Coa mellora do tren que xa tíñamos e o uso da tecnoloxía pendular alcanzaríase a suficiente velocidade para contarmos cun medio de transporte eficaz entre as nosas cidades e vilas. Alén diso, sería substentábel e poderíanse dedicar neste período de vacas fracas eses inxentes recursos públicos a outras iniciativas de maior rendibilidade social.
0 comentarios