Cando uns poucos perxudican a moitos en Padrón.
Non hai moito tempo neste noso país a palabra tiña un valor e un simple apretón de máns servía para pechar tratos na compra de gando, na venta de fincas ou en calqueira outro negocio. Hoxe semella que non é así.
Os traballadores do servizo de limpeza de Padrón chegaron a un acordo ca súa empresa pero non se cumplíu nada do pactado. Agora preparan outra protesta en forma de folga. E para facer máis dano escolleron a Semana Santa, que curiosamente coincide coas festas de Pascua.
E nesta liorta entre empresa e empregados hai máis perxudicados que beneficiados. Porque os beneficios ou ben irán para a empresa ou para as nóminas dos traballadores, pero os males irán todos a parar ós veciños de Padrón e a un Concello que non se pode permitir o luxo de dar unha mala imaxe nas súas festas principais.
O anuncio non deixa de ser unha chantaxe ó Concello, que está no equipo dos perxudicados. O alcalde e o seu socio de goberno teñen que pensar nunha solución para evitar males maiores. E, de gañar as eleccións, deberán mirar tamén polo ben do pobo cando se teña que aprobar de novo a concesión. Esta empresa, que semella que non ten palabra, non vale. E estes traballadores, ós que pouco lles importa facerlle o maior dano posible ó seu pobo, tampouco, aínda que neste caso teñan razón. Ás veces hai que mirar tamén para os demáis e para o mal que se lle pode facer.
Por Víctor Furelos
TIERRAS DE SANTIAGO, 12/04/11
0 comentarios