O Pontecesures, segundo por equipos no Campionato Galego Infantil.
Notable alto o acadado o domingo polo piragüismo arousán no Campionato Galego Infantil, valedeiro para a Copa Galega de Promoción 2011. Notable alto que se eleva a sobresaínte no caso do Náutico Pontecesures, subcampión autonómico en dura pugna co vencedor na clasificación final de clubs, o Náutico Firrete. Tan só 45 puntos separaron a ambos colectivos, con 3.587 do equipo de Pontedeume fronte aos 3.542 do do Baixo Ulla.
O Breogán rematou sétimo na cita disputada no encoro pontevedrés de Verducido, con 2.091 puntos, e o Náutico O Muíño pechou os dez primeiros postos por clubs con 1.505 puntos. As Torres foi decimoterceiro con 1.304, o Piragüismo Illa de Arousa decimocuarto con 1.155, o Piragüismo Cambados vixésimo primeiro con 953, e o Liceo Casino de Vilagarcía trixéimo e antepenúltimo, con 219 puntos.
A alta nota acadada polo piragüismo arousán no Campionato Galego Infantil vén dada polos catro títulos, de seis posibles, e un subcampionato individual colleitados polos seus deportistas.
Adrián Rivademar Outeda (Breogán), foi o campión en C-1 Infantil B, Miguel Ángel Pérez Domínguez (P. Cambados) foino en K-1 Infantil B, Andrés Manuel Álvarez Constantino (N. Pontecesures) gañou en C-1 Infantil A por diante de Pedro Galbán Lesende (As Torres), prata, e Borja Bejo de la Fuente deulle o título ao Muíño en K-1 Infantil A.
LA VOZ DE GALICIA, 23/08/11
0 comentarios