Os soños olímpicos de Oliveira e de Campos poden chocar no C-2 1.000.
André baralla voltar ao barco dobre do quilómetro, no que foi finalista A no Europeo 2010, e Tono confirma que loitará pola última vacante para Londres 2012
«Las opciones son pocas para los Juegos Olímpicos y no podemos perder lo que tenemos». Con estas palabras o presidente da Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), Juan José Román Mangas, aclaraba a comezos de semana os seus plans para o C-1 200 e o C-1 1.000 metros hispanos nos Xogos Olímpicos 2012, modalidades nas que España obtivo sendos pasaportes para Londres grazas ao bronce do balear Alfonso Benavides e a prata de David Cal no Mundial de Szeged a pasada semana. «Hasta ahora hemos hecho una labor de selección con un criterio riguroso y haciendo valer el rendimiento para poder llegar al Mundial». Pero «después del rendimiento y los resultados que han logrado estos deportistas, lo tenemos claro. Lo que queda es plasmarlo en un documento».
A agardada decisión da RFEP corta definitivamente o C-1 200 como vía de acceso do cesureño André Oliveira a Londres 2012. ? por iso que recén chegado de Hungría, o padexeiro do Náutico Firrete sinalaba onte o C-2 1.000, a única modalidade olímpica de canoa pendente de clasificación na selección española, como a súa moi probable aposta para a vindeira tempada. No horizonte, o Campionato de Europa que no primeiro semestre do 2012 porá en xogo a única praza vacante para o vello continente logo de que media ducia dos seus países selasen o pase aos Xogos no Mundial.
A decisión final de Oliveira queda pendente dunha charla a comezos de outubro co seu compañeiro de barco, Yeray Picallo, e co seu adestrador no Náutico Firrete, ?scar Calvo. Pero André, que no Mundial disputou sendas finais A co relevo do C-1 200 e con Picallo no C-2 200, semella ter as cousas bastante claras, animado polo pasado recente. Non en van, lembra que no Europeo 2010 de Trasona Picallo e máis el entraron na Final A do C-2 1.000, rematando últimos.
Tono Campos, pola súa banda, adiantaba onte a súa decisión de continuar na carreira olímpica do C-2 1.000 co coruñés do Ría de Betanzos José Manuel Sánchez. Ambos saíron esperanzados da súa experiencia mundialista, sextos na final B pero conscientes de que «os seis barcos europeos da final A conseguiron billete para Londres, e na B só nos superaron polacos e franceses». E iso, nunha regata na que os españois non saíron nada beneficiados no reparto das rúas.
LA VOZ DE GALICIA, 24/08/11
0 comentarios