«Para a Casa de Rosalía é moi difícil sobrevivir nestes tempos».

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Helena Villar, o pasado venres nun dos seus rincóns preferidos da horta da Casa-Museo.

Pide a implicación de todos para manter o proxecto vital da fundación

A Fundación Rosalía de Castro ten por diante dúas efemérides para conmemorar. A primeira delas será en febreiro do vindeiro ano, co 175 aniversario do nacemento da autora. A segunda e «moi importante», os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, no 2013. Os tempos non están para celebracións e menos para unha fundación á que, segundo recoñece abertamente a súa presidenta, Helena Villar Janeiro (Becerreá, Lugo, 1940), lle «é difícil sobrevivir» nestes momentos, a pesares de que a Casa-Museo de A Matanza, en Padrón, é «o espazo máis simbólico de Galicia», di.

-¿Xa están cos preparativos das efemérides?
-Si, estamos. A data do 2012 debería ser o pórtico para a gran celebración do 2013. Non obstante, a situación económica afecta moitísimo e será a que poña os límites a esas celebracións. A nosa intención é facer un gran congreso de estudio do libro Cantares Gallegos e da obra de Rosalía en xeral, ademais dunha publicación, pero iso implica uns gastos polo que aproveito para facer un chamamento a colaboración das institucións públicas, privadas, empresas e particulares. A Casa de Rosalía ten uns gastos todo ano porque o proxecto de actividades que ten é moi forte para a proxección da autora. Queremos que a casa estea aberta con actividades para todo o público e iso custa cartos. E nestes momentos é moi difícil sobrevivir. Non me canso de dicir que fai falta diñeiro pero as portas se pechan. Por iso, teño que ser pesimista e ogallá me equivoque porque non vexo saídas. Pido a implicación de todos para que se poida celebrar un gran congreso e que Rosalía non teña a mala fortuna 150 anos despois de vivir as angustias económicas da súa época.
-Fala de que é difícil sobrevivir, ¿periga, pois, a continuidade das actividades?

-Se non hai diñeiro, si. Non nos podemos enganar. A Casa-Museo ten moitos gastos que hai que cubrir. E a fundación ten un capital simbólico, impagable, que é a casa mercada por vontade popular, pero non cobra dereitos de autor. Vive exclusivamente das subvencións públicas e das doazóns privadas, que coa crise se viron afectadas. Pero con sensibilidade, protección e unha serie de axudas, podería funcionar sen máis dificultades.

-¿Hai un compromiso claro das administracións coa Casa-Museo de Rosalía?
-Non de todas por igual. A fundación ten un funcionamento moi complicado e moitas veces é difícil saber con qué presuposto vai contar. A primeiros de ano é cando sabemos se vai haber convenios de colaboración, que normalmente se firman a mediados de ano e se cobran a finais. Hai catro traballadoras.

LA VOZ DE GALICIA, 11/12/11


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.