Homenaxe ao sexto bicho máis feo da Terra.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

«Hoxe homenaxeamos a un dos bichos máis feos que existen na nosa ampla despensa mariña galega. Un peixe que ocupa a sexta praza dos animais máis feos da Terra».
Para que enganarse?. Bonita, bonita, a lamprea non é, pero como ben dixo o pregoeiro da XVII Festa da Lamprea, celebrada o pasado domingo en Pontecesures, «é un manxar que debera probarse a primeira vez cos ollos pechados…por se acaso, para logo, unha vez probada, conservar os ollos así, pechados».
André Arzúa, cociñeiro que compaxina un restaurante en Allariz con faceta televisiva na TVG, foi o encargado de pregoar esta festa, que resultou todo un éxito xa que as 700 racións de lamprea se esgotaron en tempo récord. Ás 14:45 horas, segundo subliñou o alcalde, xa non quedaba nin a proba dos 300 exemplares que os valeiros do Ulla deron xuntado para a ocasión a pesar da campaña cativa deste ano.
Cada ración vendeuse a 5 euros e contiña dous anacos de peixe á bordelesa acompañados de arrroz e picatoste. Os exemplares completos vendéronse a 30 euros. Os mesmos amigos do peixe cartilaxinoso puideron xantar polbo e churrasco, que tamén tivo un notable éxito entre ios comensais.
Estes últimos non seguiron os consellos de André Arzúa, para quen «como cociñeiro, é un luxo preparar» este manxar. Non só iso, senón que, segundo confesou, lle trae lembranzas da súa avoa falecida. «Lémbrame os domingos pola mañá, na cociña da avoa Olga. Ela ensinoume a cociñar esta marabilla que hoxe é o nucleo deste festexo. O aroma que se asomaba ao cruzar a porta da súa casa cando se cociñaba lamprea, o cheiriño a canela e pan fritido é o primeiro que me ven á cabeza».
Non faltaron nesta oda a raíña do Ulla as mencións ao seu carácter de peixe doutra era («din que é cuaternario»), ao que, polo visto, a mala prensa lle ven de lonxe, «tanto que Spielberg estivo dubidando se facerlle un casting para que saíse en Parque Xurásico e non precisamente como mascota hos protagonistas».
A súa complicada vida que a leva do mar ao río e volta outra vez non está moi lonxe da tradición emigrante dos galegos, pero non faltou quen, séculos atrás, descubriu o segredo do bicho vampiro. «Que dicir do primeiro que, fronte a lamprea, pensou: Ti vas estar moi rica cun chisco de ceboliña, allo e viño. Iso non pode faltar, sempre viño».

DIARIO DE PONTEVEDRA, 28/03/12


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.