Saúda do alcalde de Padrón pola Pascua 2012.
Un ano máis Padrón engalánase para dar comezo ás súas festas de Pascua. Como alcalde, é para min unha honra dirixirme a vós os padroneses, por primeira vez nestas datas. Este saúda vai dirixido a todos vós, veciños e veciñas, que coa vosa vida cotiá configurades a realidade deste municipio. Pero tamén a todos aqueles que por diversas circunstancias residen fóra do noso concello, incluso ao outro lado do mar, e aos que voltan con agarimo para empaparse da esencia desta vila histórica. Durante estes días, como capital do Sar, Padrón convértese no punto de encontro de miles de visitantes que acoden ao noso concello atraídos polo ambiene de festvidade, onde dende tempos remotos se conxuga a tradición coa modernidade. Así as nosas prazas, o Espolón, o Souto, A Barca serán unha vez máis escenario de atraccións, concertos, charangas, xigantes e cabezudos, orquestras…ao mesmo termo que as nosas rúas serán testemuño do recollemento relixioso ca celebración de procesións e actos litúrxicos, tan característicos da Semana Santa padronesa. Dende o goberno, preparamos estas festas pensando no disfrute de todos, desexando que sexa do voso agrado e comprometendo o noso esforzo e adicación para lograr que a nosa Pascua siga sendo un referente no programa de festexos que se articulan ao longo da nosa xeografía. Non obstante as portas do Concello están abertas para todos, tentando prestarvos a mellor atención posible e as mellores solucións que estean nas nosas mans. Como un pascueiro máis, deséxovos que teñades unhas boas festas e disfrutedes na compaña de amigos e familia na nosa vila. Seguro que moitos de vós seredes anfitrións nestes días polo que vos animo a que contaxiedes a tódolos visitantes do encanto da nosa vila e das súas xentes e lle contedes a historia da nosa Pascua, para que de avós a netos, siga latente a tradición
¡Boas festas!
O alcalde
Antonio Fernández Angueira
0 comentarios