Réplica sobre as acusacións do goberno local de Pontecesures relacionada co obscurantismo.
En lugar de autorizar a consulta da documentación municipal requerida sae o goberno local de Pontecesures acusando a este concelleiro de interferir e prexudicar as tarefas diarias na Casa do Concello. Nada máis lonxe da realidade. Desexo replicar o seguinte:
1. Estase a solicitar a consulta dunha documentación que xa consta no concello. Non se pide a redacción de novos documentos, informes, ou outras tarefas nas que deban ocupar un tempo os traballadores. Pídese a relación de horas de traballo realizadas fóra de xornada en 2011 polo persoal (está xa elaborada e documentada mes a mes), pídense datos do expediente da adxudicación no mantemento da caldeira do CPI Pontecesures (que xa existe segundo manifestou o alcalde no pleno de xaneiro) e pídese unha factura dunhas xardiñeiras que segundo manifestou a concelleira, Cecilia Tarela, mercou o concello para a Travesía da Bandeira e que non teñen nada que ver coas subvencionadas pola Consellería de Economía e Industria.
2. Este concelleiro practicamente sempre solicitou autorización para consultar documentos xa «elaborados», sen que se precisase labor algunha para os traballadores municipais. Tan só atopalos, claro. E para atopalos temos tres concelleiros con dedicación exclusiva toda a mañá nas oficinas cobrando un salario que pagamos todos os cesureños. Ben podían facer, alomenos, este cometido.
3. ? certo que algúns escritos meus foron enviados vía fax porque por razóns laborais non estou en Pontecesures polas mañás. Non me quedou máis remedio para efectuar os labores da oposición. Pero tamén hai que dicir que dende o concello a propia Cecilia Tarela comunicoume varias veces que os fax non tiñan validez e así tiven que presentar logo os orixinais en canto me foi posibel na Casa do Concello. O sexa, en lugar de facilitar as tarefas, poñen paus nas rodas para prexudicar as tarefas de fiscalización e control. En consecuencia, por fax ou nas oficiñas, son os mesmos escritos.
4. Non entrei nas oficinas municipais para levarme o programa da Festa da Lamprea como «primicia» antes da rolda de prensa. A programación deste ano tampouco animaba moito a coñecer a información con antelación logo do que se ía sabendo. Que se deixen de elucubracións e de ocorrencias.
5. Este concelleiro seguirá, agora dende a oposición, traballando a prol dos intereses dos veciños e da vila como sempre fixo. Por moito que oculten información, por moito que se incomoden, por moitas acusacións que me fagan, mentres sexa concelleiro sempre cumplirei coas miñas funcións. Para iso presenteime ás eleccións e para iso son tamén un representante de parte da veciñanza.
Pontecesures, 13/04/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures
2 comentarios
Luis Angel Sabariz Rolán · 13-04-2012 a las 20:03
Neste escrtito de réplica penso que está moi clara a miña postura. «catequistauno». A petición de consulta de documentación non ocasiona practicamente ningún traballo ao persoal. Mira, agora acabo de recibir, en tempo e forma, autorización para comprobar o expediente do PEIM 2012 que foi solicitada o luns pasado e irei a velo en canto poida. ¿Por que entón, non se concede autorización para ver a relación dos traballos fóra de xornada do persoal en 2011, para ver o do mantemento da caldeira do CPI Pontecesures e para ver a factura concreta das xardiñeiras da Travesía da Bandeira que foron solicitadas meses antes nos dous primeiros casos e varios días antes no último?.
Princo · 15-04-2012 a las 02:45
Esto é vergonzoso, penso que nunca se veu tal nunca. Calquer adxectiivo para este home quédase curto.