Alcaldes e voceiros do PP reuniranse na Lanzada para abordar a situación política e social da provincia.
Alcaldes e voceiros do PP nos 62 concellos da provincia daranse cita a vindeira fin de semana na Lanzada para analizar xunto ao presidente provincial do partido, Rafael Louzán, e a outros cargos públicos e orgánicos do PP provincial a situación política e social da provincia.
Trátase dunhas xornadas de traballo e convivencia que acadan a súa III edición e que é preciso recuperar e dotar de máis contidos nun momento de especial dificultade coma o actual.
As xornadas desenvolveranse o venres día 20 e o sábado 21 de abril, e preséntanse como un foro de reflexión sobre a optimización da xestión municipal, de maneira que se estuden estratexias para realizar políticas locais ante a escaseza de recursos das arcas municipais en tempos de crise.
Neste ámbito, tamén se insistirá na necesidade de recuperar a confianza da cidadanía na clase política, puntualizando que, do mesmo xeito que hai diferentes maneiras de gobernar, tamén hai distintos xeitos de entender a política.
Ademais disto, os populares centraranse, sobre todo, nos problemas que lle afectan aos cidadáns nun momento coma o actual e na procura das distintas posibilidades que hai para axudalos desde todas as administracións nas que o Partido Popular ten responsabilidades de Goberno.
Esta será a terceira edición dunhas xornadas de traballo e convivencia entre alcaldes da provincia que o PP Provincial organizou con anterioridade, nos anos 2007 e 2008.
A recuperación destes encontros obedece á demanda reiterada en numerosas ocasións por alcaldes e membros da Xunta Directiva Provincial, que consideran estas xuntanzas necesarias para intercambiar experiencias e achegar solucións aos problemas cos que se atopan no día a día en cada un dos municipios da provincia.
A reunión permitirá establecer políticas comúns que lles axuden a gañar en eficiencia na xestión municipal, co obxectivo de contribuír a paliar e resolver da mellor maneira posible os problemas dos cidadáns, cos que adquiriron o compromiso de asegurarlles un futuro mellor.
PARTIDO POPULAR DE PONTEVEDRA, 14/04/12
0 comentarios