Aeroxeradores en núcleos rurais.
DE BARBARIDADE cómpre cualificar (fronte ao que se debe entender como o normal emprazamento dunha explotación eólica) o que está a piques de se producir no Concello de Teo, nas súas lindes co de Padrón, por onde se asenta a alta parroquia de Lampai (a unhas dúas légoas de Compostela) cos núcleos rurais de Veitureira, Agrela e Santa Ana, Mosteiro, A Silva e Vilar do Bispo. A causa vén dada pola construción invasiva dun parque de xigantescos aeroxeradores que, dende as mámoas prehistóricas de Loureiro, se quere estender, atravesando esas áreas acasaradas, polo entorno do antiquísimo camiño ou vía xacobea portuguesa (lémbrese aquela cantiga medieval do trobador Xohan Airasna que se di «?por camiño de Lampai / pasar Miño e Doiro e Gaia») de par da fermosa
estrutura xeolóxica do Monte da Pena, onde se tiña proxectado un sinxelo e amplo miradoiro de espectacular panorámica do Val da Amahía e o nacemento da Ría de Arousa ao fondo.
Un proxecto de instalación eólica menor intentouse levar a cabo, nesta mesma zona, hai doce anos e foi responsabelmente invalidado. Parece mentira que, a estas alturas e co goberno dunha galega modernidade, que está a demostrar unha coidada eficiencia en moitos aspectos do seu programa de reconstrución económica e unha bastante clara interpretación racional do concepto de desenvolvemento coordinado de Galicia, aínda se pretenda consumar, en áreas inadecuadas, este tipo de agresivas instalacións enerxéticas. Estes enormes emprazamentos estruturais e infraestruturais no medio duns núcleos rurais plenamente activos, nun sistema ecolóxico de bosques e cultivos, vencellado ao uso do monte e intercomunicado por unha consuetudinaria rede de camiños nun poboado concello como o de Teo e, xa que logo, na citada freguesía virá incidir de distintos xeitos na súa vida cotiá, e o seu espazo vital verase gravemente alterado así como prexudicado, tamén, o valor do seu patrimonio material aí radicado.
Nada menos que nun dos portais paisaxísticos de entrada á Capital de Galicia aberto cara á chaira do Sar, tan preto de Compostela, na parroquia de Lampai e á beira do primitivo Camiño de Santiago (que como tal consta nos antigos lindeiros de fincas que se queren expropiar), abarcando unha enorme zona de afección e nas inmediacións de casas proxéctanse aeroxeradores de 84 metros só de fuste (sen as aspas) con centros de transformación; liñas eléctricas soterradas, tanto polos viais a construír como por terreo libre; a interconexíón entre os centros e coa subestación transformadora. A relación de bens e dereitos afectados no Concello de Teo abrangue a 762 fincas.
Teño dito nalgunha ocasión que o lúcido sentido ordenador dun progreso enerxético equilibrado e de benestar social non se pode ver convertido nun progreso daniño e empobrecedor da imaxe desta bendita terra e dos habitantes que se vexan prexudicados por empresas especuladoras que se venderán ao estranxeiro. Galicia conta con serras e alturas mesetarias despoboadas e abertas aos fluxos dos ventos das correntes predominantes do sudoeste-nordeste e os seus contrarios. Non se nos veña complicar máis a vida aos que aínda integramos a Galicia habitada.
SALVADOR GARCÍA BODA?O
EL CORREO GALLEGO, 03/06/12
0 comentarios