Teatro Chévere conmemora o día contra a violencia de xénero en Pontecesures.
O espectáculo de música e teatro I’ll be watching you: os roles de xénero nas cancións de amor, a cargo de la compañía de teatro Chévere, chegará a Pontecesures o vindeiro martes 6 de novembro. Dita representación serve para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, 25 de novembro. Este acto está destinado a alumnos e alumnas de secundaria do CPI Pontecesures e terá lugar no Centro Social a partir das 11 da mañán.
Deste xeito, Chévere continúa a súa xira por diversos concellos de Galicia co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade con este espectáculo dirixido especialmente a público xuvenil, que conta en escena con Patricia de Lorenzo e Manuel Cebrián.
I’ll be watching you é un proxecto pedagóxico, teatral, lúdico e musical do grupo Chévere, que analiza os valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos de home e muller que non contemplan outras opcións, a cosificación da muller, os celos como proba de amor, a connivencia coa violencia e o sentimento de propiedade sobre a outra persoa. Fala das relacións de igual a igual frente ás que non o son, da autoestima, da necesidade da reacción das propias mulleres para poñer fin á violencia de xénero.
Yeni é a vocalista e Dami o guitarrista dunha orquestra de pachanga. Veñen ofrecer o típico repertorio versioneando os éxitos do pop actual, esa música coñecida por todo o mundo e supostamente neutral, apolítica. Entre tema e tema, Yeni introduce o relato da súa propia experiencia vital como muller,facendo participar ao público dunha nova e crítica lectura dos valores que transmiten as cancións que canta.
0 comentarios