MANIFESTO EN CONMEMORACION DO 8 DE MARZO DO CONCELLO DE PONTECESURES
A igualdade foi avanzando durante os anos de democracia. Este avance traduciuse nunha vida mellor para as mulleres deste país, así como en máis dereitos para elas e para o conxunto da sociedade.
Isto foi sobre todo grazas á propia sociedade que se modernizou -grazas ás organizacións, ás feministas, e, sobre todo, ás mulleres-. Desta forma, as mulleres foron ocupando espazos no emprego, na política, e na sociedade, mentres se achegaban, en todos os indicadores de participación e calidade de vida, aos homes, rompendo con iso progresivamente a desigualdade. Non obstante, a igualdade non era de todo efectiva, aínda existían e aínda existen desequilibrios. Necesitamos tempo para seguir avanzando, pero sobre todo para consolidar o conseguido. Un tempo fundamental como comprobamos nos últimos tempos, nos que asistimos a uns dos maiores despropósitos da historia da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Dende o Concello de Pontecesures non obstante seguimos traballando pola igualdade e a emancipación das mulleres. Porque cremos que a igualdade entre mulleres e homes é un piar da nosa democracia, e porque temos o firme compromiso cun modelo social que garante a xustiza e a equidade. Sen dúbida, o cambio que necesitamos para saír desta crise, que é económica, pero tamén política e social, pasa por contar con todos e con todas, homes e mulleres, sen desperdiciar capacidades, facendo que a igualdade sexa o centro do cambio.
0 comentarios