Máis recortes: o Concello de Pontecesures dase de baixa como socio do Museo do Pobo Galego.
No pleno de 26/11/07 a anterior corporación de Pontecesures acordou colaborar co Museo de Pobo Galego incorporándose como socio institucional do museo e achegando unha cota anual de 300 euros. A partir do acordo recibíronse no concello as publicacións, e os programas de actos do propio museo.
Para sorpresa de todos, o goberno actual de Pontecesures, sen consultar para nada coa oposición municipal, tramitou a baixa como socio institucional para 2013 por acordo da Xunta de Goberno Local á que pertencen unicamente os representantes do executivo.
Polo exposto, a ACP desexa facer público o seguinte:
1. Os acordos plenarios teñen que respectarse sempre e para modificalos debe ser o propio pleno o que tome a decisión. Sen dar a cara, e sen debater nada, o goberno local tramitou unha baixa nunha institución tan importante para o desenvolvemento da cultura galega.
2. A ACP interesouse por este tema no pleno ordinario do pasado 27 de xaneiro, pero o goberno local non facilitou explicación algunha. Outra vez nos saíron co «porque sí» á hora de razoar a baixa.
3. A ACP critica a actuación do goberno local neste tema. Respostando á nosa pregunta no pleno do 27 de xaneiro sobre se o Museo do Pobo Galego enviaba documentación ao concello se nos dixo que non por parte da concelleira nacionalista Cecilia Tarela. Non é certo, porque as publicacións e libros do museo atopánse na biblioteca municipal de Pontecesures. Claro que, a dicir verdade, como a nosa biblioteca permanece pechada dende o 16 de decembro de 2013, resulta imposible consultar nada.
Outro recorte máis do goberno local. E logo falan de defensa da cultura e da educación. A biblioteca pechada, a condición de socio do Museo de Pobo Galego anulada, a suscrición ao diario máis antigo de Galcia retirada e, por contra, contamos, por primeira vez na historia cun concelleiro de educación, Roque Araújo, cobrando unha exclusiva. Os recortes para os veciños. Así nos vai.
Pontecesures, 03/02/14
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures
0 comentarios