Padrón acolle unha exposición sobre o mundo mariñeiro de Rianxo.
O auditorio da Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, acolle dende hoxe e ata o 27 deste mes a exposición itinerante Ardentía, promovida pola Confraría de Pescadores de Rianxo e o Grupo de Acción Costeira Nº5 de Arousa. En 14 paneis temáticos, o visitante pode percorrer a tradición, historia e cultura mariñeira de Rianxo.
No acto de inauguración desta mañá estivo o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, xunto coa concelleira de Cultura de Padrón, Carmen Lois; o patrón maior de Rianxo, Baltasar Rodríguez e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.
Todos eles lembraron a unión dos pobos de Padrón e Rianxo a través das xentes e o traballo do mar, ademais dos vínculos culturais coas figuras de Rosalía de Castro e Castelao.
Os Concellos padronés e rianxeiro queren que esta exposición sexa o primeiro paso para realizar máis actividades de promoción turística e cultural de ambas vilas e, con elo, darlle contido ao irmanamento histórico que manteñen e que se escenifica cada ano na Pascua de Padrón e na Guadalupe de Rianxo.
A exposición ofrece información sobre a ría de Arousa e o mar; o porto de Rianxo; embarcacións tradicionais; artes e aparellos de pesca; carpintería de ribeira e asteleiros; especies de interese, a lonxa rianxeira e un bo número de fotografías sobre a actividade mariñeira.
La Voz de Galicia
0 comentarios