Maneiro, alcalde de Valga: «Cobre ou non cobre, vou seguir traballando como ata agora».

Publicado por Redacción en

O rexedor popular acaba de estrearse como pensionista.

Ao alcalde de Valga, os seus compañeiros preparáronlle unha sorpresa: aproveitaron a súa última viaxe a Arxentina para renovarlle o despacho. Iso da idea, dí o rexedor, da boa sintonía dun goberno que el vai seguir dirixindo malia que, dende o día 2, é oficialmente pensionista.

¿Tanto lle gusta o seu traballo como para non ter ganas de deixalo?.

Eu creo creo, e sempre o digo, que estamos aquí voluntariamente. Eu teño un compromiso ata maio do ano que ven cos meus veciños, e teño que cumprilo. Cobre ou non cobre, vou seguir traballando como ata agora.

A maior parte da xente, cando chega o momento da xubilación, di aquilo de que vai gozar máis cos netos…

Todo o mundo goza cos netos, eu aproveito as fins de semana para estar con eles, porque como non viven na casa, é cando os vexo. E aínda que me xubilara non ía cambiar a cousa. Os fillos e a familia teñen a súa propia vida.

¿E a súa muller?. ¿Non terá ganas de que se retire?.

Se lle fixera caso á miña muller, xa non me tería presentado nunca ás eleccións, ¡nin sequera ás primeiras!. E coma ela, o resto da familia. Pero unha cousa é o tema político, e outra o discorrer do día a día.

¿Costoulle tomar a decisión de «xubilarse» formalmente?

Non, e digo máis. Podería seguir como estaba e gañando máis do que vou gañar, porque a miña pensión vai ser inferior ao líquido que cobraba no Concello. Pero son 41 anos de contización á Seguridade Social. Se teño dereito a cobrar unha pensión, ¿por que non lle vou aforrar uns cartos ao Concello?.

¿E sabe para onde irán eses cartos?.

Non. De momento, ese asunto aínda está por tratar.

Antes de ser alcalde foi contable. ¿Lembra algo daqueles tempos?

Pasaron bastantes anos. Pero ao estar de alcalde dun concello é importante saber de contabilidade. Aquí, para facer os orzamentos, por exemplo,  que o alcalde teña experiencia facilita o labor dos funcionarios. Creo que eses coñecementos me foron positivos. E que, ademais, eu o que lle aconsello a todo o mundo e que, antes de ser alcalde, pase pola empresa privada. Ao fin e ao cabo, o Concello é unha empresa. E se o alcalde está cobrando, ten que facer rendible ese salario. Se tes que facer unha obra tes que buscar cantas máis subvencións mellor. Se nun momento non tes saldo, tes que ir negociar coas caixas….

¿Así fai vostede en Valga?

Eu síntome orgulloso de vivir en Valga, creo que fixemos deste un bo lugar para vivir. Dende que temos gardería, os nenos de Valga non teñen que saír do Concello ata a Universidade, temos gardas médicas, un servizo de emerxencias e de Protección Civil excelente, e ese auditorio que está cheo de vida e de movemento con todo tipo de actividades. Pensar en todo iso enche o peito. Teño un gran equipo de xente que traballa a reo.

¿Entre ese equipo está o seu relevo, se é que o vai haber pronto?

Dos relevos non se falou nada. Ainda non queda un ano de lexislatura e ímolo rematar. Despois haberá que decidir, primeiro, se eu quero seguir sendo candidato. Segundo, se, de eu querer, os meus compañeiros están de acordo. E o partido terá que decidir se son o candidato idóneo.

Ata o de agora os resultados electorais aválano, ¿non?.

Eu o único que digo é que teño as mesmas gañas e ilusión que no primeiro momento. En Valga, en canto conseguimos un obxectivo temos vinte proxectos máis listos para empezar con eles. Todo o mundo «curra» a tope. E eu, aínda que non vaia cobrar do Concello, vou seguir «currando» a tope tamén.

La Voz de Galicia

 


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.