A Fiscalía pide a absolución do acusado de estafar ao pintor Carlos Bóveda.

Publicado por Redacción o

A fiscalía pediu este xoves a “libre absolución” para o promotor cultural Jesús Busto Peteiro, acusado de apropiación indebida e de estafa ao tratar co pintor Carlos Bóveda, xa falecido, a entrega de até 118 óleos para a súa doazón temporal a museos, os cales, di a familia, non foron devolvidos, punto que o procesado nega.
A defensa de Jesús Busto, exercida polo letrado Manuel Martín, reclamou á acusación particular, que recae nos herdeiros, o importe de 50 por cento dos custos procesuais ao evidenciar o “gran prexuízo” ocasionado ao seu patrocinado con este caso de repercusión pública, sendo Busto o presidente dunha asociación sen ánimo de lucro como é Amigos de Galicia.

Ao final do xuízo, que transcorreu entre onte e hoxe na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, o ministerio fiscal solicitou a libre absolución para o imputado, pois “non se trata dun delito de apropiación”, xa que quedou constatado que o pintor natural de Padrón (A Coruña) cedeu porque así o quixo os cadros a este promotor cultural e para o labor de promoción.

Igualmente, incidiu o ministerio público en que “non hai forma de saber” cantos cadros foron entregados ou vendidos entre o período comprendido entre 1993 e 2004, e “é imposible de probar” xa que non existe unha relación das obras de Carlos Bóveda.

“Son dúas hipóteses enfrontadas sen ningunha proba”, remarcou o representante do ministerio fiscal.

Ademais, o fiscal dixo, ante a acusación de estafa formulada contra o imputado por non retribuír de forma íntegra ao pintor o diñeiro polas súas obras, que o acusado, “non sabemos se ben ou mal”, realizou o traballo que lle foi encomendado e iso, sinalou, “ten un custo”.

Por súa vez, o avogado que representa a Busto Peteiro afirmou que o escrito de acusación sobre o seu patrocinado non é só “temerario”, senón tamén “constitutivo de manifesta mala fe”.

Nese sentido, insistiu en que por parte dos demandantes existe un “motivo soterrado” para realizar a acusación en que reclamaban dúas penas de cinco anos cada unha para o seu defendido.

Polo contrario, o avogado da acusación particular, que exercen os herdeiros, o letrado José Ramón Sánchez, mantivo a súa demanda e a reclamación dos 118 cadros que, supostamente, detallou, aínda conserva no seu patrimonio o acusado.

Alén diso, sostivo que esta mesma actuación de “engano” a Bóveda, o imputado realizouna con outros pintores como o tamén galego Nelson Zumel.

Antes de quedar o xuízo visto para sentenza, o procesado lamentou o “dano” que esta acusación puido causar ás “actividades sociais e benéficas” que el realiza.

Destacou tamén que a súa relación co pintor Carlos Bóveda foi boa, e así se mantivo sempre até que faleceu no pasado 2004.

El Correo Gallego


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.