UNHA PROBA DA COPA DO MUNDO DE RAID DE AVENTURA VAISE LEVAR A CABO DO 10 AO 17 DE MAIO DENDE CUNTIS A SANTIAGO DE COMPOSTELA, PASANDO NA PRIMEIRA XORNADA POR PONTECESURES.
A ARWS (Adventure Race World Series (Series Mundiais de Carreiras de Aventura)) con sede en Australia organiza entre o 10 e o 17 de maio unha das súas probas puntuable para a Copa do Mundo de Raids de Aventura en terras galegas. A organización desta proba corre a cargo do Club Gallaecia Raid, un clube con amplia experiencia nesta disciplina; sendo esta proba, xunto co Raid de Francia ás dúas únicas deste circuito que se farán en Europa neste ano dun total de 8 por toda a xeografía mundial.
Nesta proba os equipos axudados dun mapa e dunha brúxula deberán atopar unhas balizas situadas a través de 550 km da xeografía galega. Os corredores (en completa autonomía) enfrontaránse a etapas de trekking, bicicleta de montaña, kayak e barranquismo durante 4 días non-stop. Está confirmada a participación de 24 equipos procedentes de España, Francia, Finlandia, Suecia, Nova Zelanda, Chequia, Colombia, Chile,…etc.
A saída desta proba será en Cuntis o martes 12 de maio ás 9.00 da mañán, con chegada estimada a Santiago de Compostela o venres 15, logo de percorrer 550 km polos concellos de Cuntis, Ribadumia, Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Pontecesures, Vimianzo, Dumbría, Cee, Fisterra, Muxía, Camariñas, Negreira e Santiago.
En Pontecesures, na primera xornada do 12 de maio, realizaráse unha transición da proba (paso de kayak de mar a bicicleta) que se levará a cabo no peirao nas instalacións do Club Náutico; estando prevista a chegada do primeiro equipo ás 21.00 aproximadamente. Os equipos irán chegando en kayak procedentes de Ribadumia logo de remontar parte da Ría de Arousa e o río Ulla, unha vez en Pontecesures avituallarán nas instalacións do Clube Naútico e collerán as bicicletas rumbo a Vimianzo.
Dende o Concello de Pontecesures animamos a tódolos veciños a animar o paso desta proba polo noso pobo.
0 comentarios