A armada arousá pelexa media ducia de medallas no Mundial Júnior e Sub-23.
Camila Morison, Raquel Dacosta, Natalia García e Iago Monteagudo compiten durante catro días en Portugal.
Catro padexeiros de Arousa son este ano os contados compoñentes da armada arousá no Campionato do Mundo Júnior e Sub-23 de Piragüismo. Unha cita que arrinca hoxe na localidade portuguesa de Montemor-O-Velho, e que se prolongará ata o domingo, reservando as dúas xornadas da fin de semana para a loita e o reparto dos títulos e das medallas.
Camila Aldana Morison e Raquel Dacosta, do Náutico Pontecesures, o meisino Iago Monteagudo e a Sub-23 do Breogán do Grove Natalia García Naveiro son as esperanzas da bisbarra, que de partida, e ata que a competición poida demostrar o contrario, aspira a media ducia de medallas. Dúas individuais, e outras catro de barcos de equipo.
As primeiras en entrar en acción, e as única que poden aspirar a máis dun podio, son a parella de kaiakistas do Náutico Pontecesures. Morison e Dacosta compiten xunto con Irene Mirás e Laia Palach na primeira das 236 regatas que se verán ao longo dos tres días de competición no Mundial. O seu reto, gañar a primeira das tres series do K-4 500 para entrar directamente na final e eludir as semifinais de primeira hora da tarde de hoxe. Morison disputará ademais nestes días o K-1 500, e a súa compañeira o K-1 200 e o K-2 500, neste último con Irene Dacosta, do Ría de Aldán, e non con Morison por incompatibilidade horaria do K-1 e do K-2 500.
O mesmo reto, eludir as semifinais, encara Natalia García no K-4 500 Sub-23 ás 12.52 horas. Iago Monteagudo faráo mañá, no K-4 xuvenil masculino.
La Voz de Galicia
0 comentarios