Cesáreo Pardal: «Podemos dicir que hai unha lenta pero boa recuperación do sector».

Publicado por Redacción en

cesp

As boas cifras de visitantes deste ano en Galicia, con máis de 2,4 millóns ata o 31 de xullo, nótanse tamén de forma positiva no sector do turismo rural de modo que, segundo explica o presidente da Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur), Cesáreo Pardal (Padrón, 1969), «as nosas casas e hoteis rurais volven ver como a palabra rendibilidade pode ser de novo posible», despois duns «anos moi duros», engade.

-Cos datos globais, ¿pódese falar de recuperación no sector?

-Efectivamente, cos datos que temos na man podemos dicir que si, que hai unha lenta pero boa recuperación, con case un incremento dun 5 % con respecto ao mes de xullo do ano pasado e cun incremento dun 8 % no mes de agosto. As casas que están máis cerca da praia neste tempo de verán son as que maior ocupación teñen. E sobre todo as casas que están ao longo do Camiño Francés tamén teñen unha ocupación de case o 90 % durante os meses de xullo e agosto. As do Camiño Portugués tamén teñen boa ocupación e o de Fisterra-Muxía, con ocupacións de case o 90 % durante o mes de agosto.

-Fronte ás boas cifras de visitantes, destaca unha baixada do emprego na hostalería. ¿Como está este tema no sector das casa rurais?

-Na actualidade hai en Galicia cerca de 600 casas de turismo rural ofertando case que 4.000 camas. No noso sector contratamos tan só xente para os meses que máis afluencia de xente temos, xullo e agosto. Hai que darse conta de que o resto do ano somos os propietarios os que facemos o traballo, posto que a ocupación baixa ata unha cifras que de momento non somos capaces de aumentar, aínda que estamos traballando niso. Como por exemplo agora, xa que dende o día 11 de setembro e ata o 13 de decembro se celebra o outono gastronómico nas casas de turismo rural, cunha serie de menús especiais e unhas ofertas que conxugan a gastronomía co turismo rural. Animo a todos e a todas a que visiten e reserven unha oferta gastronómica con estancia nalgunha das case 100 casas que participan neste outono gastronómico.

-O gasto por turista nos establecementos rurais, ¿mantense ou variou?

-O gasto por turista aumentou posto que tamén se incrementou nalgúns establecementos o prezo por habitación.

-¿Ten datos do mes de agosto?

-Durante agosto a ocupación foi dun 70 % dentro das casas que pertencen á Federación Galega de Turismo Rural. O mes foi moito mellor que o ano pasado e que en anos anteriores. Notamos un incremento importante, e sobre todo, un aumento de turistas internacionais. Na área de Santiago a ocupación foi do 80 % en agosto e do 40 % en xullo. A promoción que se está a facer dende a Axencia Galega de Turismo, co apoio do Clúster de Turismo de Galicia, cos que Fegatur traballa man a man, está a dar o seus froitos. Temos que seguir na mesma liña e tratar dunha vez por todas de diferenciarnos do resto, posto que os recursos os temos, son moitos, e estamos traballando para aproveitalos e seguir poñéndoos en valor.

Cesáreo Pardal presidente da federación galega de turismo rural (Fegatur)


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.