Un equipo da USC gaña o 2º Premio no Chem-Eng-Quiz do Congreso Mundial de Enxeñaría Química. No equipo está o noso veciño Pablo Potel.
Catro estudantes de Enxeñaría Química da USC acadaron o segundo posto no certame Chem-Eng-Quiz celebrado no marco do Congreso Mundial (WCCE) que tivo lugar estes días pasados en Barcelona. O equipo da USC, só superado pola Universidade de British Columbia (Canada), estivo formado por Pablo Potel, Pablo Sánchez, Carlos Corral e Manuel Ferro.
A actividade formaba parte do programa do congreso para estudantes organizado en base ao WCCE 10, o maior congreso de enxeñaría química que se celebra no mundo cada catro anos. ??En realidade non coñeciamos esa actividade en concreto ata o momento de celebrarse, onde nos atopabamos xunto con estudantes de todo o mundo, formando arredor de 40 equipos?, confesa Pablo Potel.
O xogo consistía en responder preguntas sobre enxeñaría química mesturando distintos campos como a química, a física ou enxeñaría ambiental ao longo de tres roldas eliminatorias. As preguntas mostrábanse na pantalla do salón principal e se respondían a través dun teléfono móbil mediante a plataforma «Kahoot!», premiando no só a corrección senón tamén a rapidez.
??Decidimos participar simplemente por diversión pero como pouco a pouco iamos vendo que ascendíamos postos, comezamos a emocionarnos? explican os estudantes da USC, que ademais de pasalo ben levaron ??un premio co que non contabamos?.
WCCE
Esta era a primeira vez que o Congreso Mundial en Enxeñaría Química se celebraba en España, e fíxose en combinación con Expoquimia (feira española de equipamento químico). Nesta ocasión o conclave congregou a 3.200 investigadores e profesionais da Enxeñaría Química de 86 países, aos que houbo que engadir 400 estudantes de Enxeñaría Química. Da USC asistiron 34 estudantes, seis investigadores e sete profesores, que presentaron sete relatorios orais e dez comunicacións póster.
Xornal da USC
0 comentarios