Os socialistas cesureños reclamarán a liña de cercanías no pleno de marzo.
O grupo municipal socialista no concello de Pontecesures, levará ao próximo pleno unha moción que insta á Xunta a xestionar a creación en Galicia dun tren de cercanías similar aos que funcionan noutras comunidades autónomas. Para acadar este obxectivo, a moción insta tamén a RENFE e ao Ministerio de Fomento a modificar a categoría do Eixo Atlántico de ferrocarril de Media Distancia a Cercanías.
A conexión por ferrocarril pola nosa comunidade é un medio de comunicación seguro, rápido, cómodo e sustentable. A única eiva que supón este medio de transporte é o elevado prezo das súas tarifas. Prezos elevados que son debidos ao concepto deste trazado, transporte de Media distancia. Noutras comunidades autónomas este tipo de liñas teñen a categoría de Cercanías, o que abarata sustancialmente o importe das tarifas, e redunda nun incremento dos usuarios deste medio de transporte.
O cambio de categoría desta liña permitiría non só un abaratamento do traxecto para as persoas que de maneira cotiá a empregan para ir traballar, estudar ou facer as xestións oportunas dunha cidade a outra, senón que tamén podería potenciar a parada de Pontecesures, con frecuencias máis baratas e numerosas.
Outras dúas mocións serán presentadas á consideración do pleno: por unha banda, unha de apoio ás reivindicacións dos funcionarios e funcionarias de xustiza, e por outra, unha moción para establecer un sistema público de pensións con maior capacidade de redistribución e redución das desigualdades.
Socialistas de Pontecesures
0 comentarios