INICIANSE OS TRABALLOS PARA A COLOCACIÓN DOS NOVOS PANTALÁNS NO PEIRAO DE PONTECESURES.
No día de onte deron inicio os traballos de pilotaxe para a colocación dos novos pantaláns no peirao cesureño. Unha pontona colocada na zona fronte ao Espazo cara a Ría está a levar a cabo estes traballos.
Está prevista a colocación de novos módulos no pantalán do Club Náutico que permitirá unha maior operatividade e fluidez nas actividades que se levan a cabo na instalación municipal, xa que se trata de embarcacións de 5.20 metros a máis pequena e as características actuais do pantalán solo permiten embarcar dous deportistas ao mesmo tempo, producindo un enorme atasco ao inicio e fin dos adestramentos e práctica de deportes de auga.
Por outra banda, tamén se prevé a colocación dun novo pantalán para dar servizo ao transporte de viaxeiros que será ubicado fronte á Praza de Abastos de Pontecesures.
Recentemente, a EPE de Portos de Galicia autorizou a prestación de servizos regulares ao pasaxe no porto de Pontecesures coa finalidade de atender e dinamizar a demanda turística de navegación recreativa polo río Ulla e, especialmente, o roteiro de peregrinación fluvial do Camiño de Santiago na Variante Espiritual do Camiño Portugués e a recentemente presentada ruta do Mar de Santiago.
Na actualidade, os viaxeiros que chegan a Pontecesures están a facer uso do pantalán de uso pesqueiro existente, o cal non garante condicións de seguridade para os pasaxeiros dende o punto de vista de prevención de riscos aos usuarios, polo que procede separar os usos en diferentes instalacións, mellorando ademáis a imaxe do peirao cesureño ao contar con un pantalán específico para pasaxe de cara ao previsible incremento de embarcacións que teñan en Pontecesures porto de destino e orixe para travesías polo río Ulla e ría de Arousa.
0 comentarios