A Xunta impulsa a modernización da estación de tratamento de auga potable de Pontecesures para garantir o abastecemento da poboación.
O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Juan Manuel Vidal, supervisou este mediodía o remate da obra de acondicionamento da potabilizadora, que recibiu unha achega de 30.000€ do Fondo de Compensación Ambiental
A Xunta impulsa a modernización da estación de tratamento de auga potable de Pontecesures para garantir o abastecemento da poboación – Xunta de Galicia
A actuación permitiu corrixir os deterioros dos equipos de decantación e filtración, que se viron afectados pola carga de traballo e os efectos da climatoloxía nunha instalación que leva en funcionamento dende o ano 1986
“Temos un compromiso de colaboración cos concellos na mellora dos seus servizos públicos, incluso daqueles de competencia municipal como a subministración de auga potable, e por iso seguimos apoiando a Pontecesures tras investir o pasado ano na mellora da rede”, explicou o representante autonómico
A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo acaba de impulsar o proxecto de modernización, acondicionamento e mellora da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Pontecesures para garantir o abastecemento da poboación cunha achega de 30.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este mediodía o remate desta actuación nunha visita a estas instalacións hidráulicas xunto ao alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, e outros representantes municipais.
“Temos un compromiso decidido de colaboración con todos os concellos de Galicia para a mellora dos seus servizos públicos, incluso daqueles de competencia municipal como a subministración de auga potable, e por iso seguimos apoiando a Pontecesures con esta axuda tras investir o pasado ano outros 30.000 euros na mellora da rede de abastecemento, tamén a través do FCA da Dirección Xeral de Administración Local”, explicou o representante autonómico.
Na actualidade, o sistema de abastecemento de Pontecesures procede dunha captación do río Ulla que discorre por unha canle de regadío ata chegar a un bombeo que a eleva ata a ETAP, emprazada nunha zona alta do municipio e dende onde se distribúe ata toda a localidade a través de decantación por gravidade.
Sen embargo, esta instalación, que está en funcionamento dende o ano 1986, estaba a presentar problemas nos equipos de decantación e filtración como consecuencia do deterioro ocasionado pola carga de traballo e os efectos da climatoloxía.
Coa actuación realizada grazas á achega da Xunta, corrixíronse estas eivas cunha actuación consistente no baleirado e recheo do depósito, a renovación de tubaxes, válvulas pneumáticas, o compresor e o cadro de control e, para conseguir unha mellora na cloración, coa instalación dun novo depósito de 1.000 litros con cisterna e dun moderno equipo de dosificación coas súas correspondentes tubaxes.
0 comentarios