A bandeira da veciñanza cesureña de «aquí e de alá» renace aos 110 anos.

Publicado por Redacción en

O estandarte, enviado pola emigración en Cuba, volve presidir o salón de plenos

O salón de plenos do Concello de Pontecesures volve estar presidido pola bandeira coa que, hai 110 anos, un grupo de veciños emigrados en Cuba decidiron agasallar á Liga de Amigos del Carmen da súa vila natal. Aquel estandarte, de dous metros de longo e un de ancho, feito en seda natural e pintado ao óleo, foi bendicido na illa caribeña e chegou ata a beira do Ulla da man de José Llerena Braña, que traía consigo, ademais, un acta da cesión da bandeira, documento que o Concello recuperou hai pouco e que, ao igual que a insignia, vén de ser sometido a un coidadoso proceso de restauración coa intención de que ámbolos dous tesouros de Pontecesures sexan quen de «durar outros cento dez anos máis».

Así o dixo onte o alcalde, Juan Manuel Vidal Seage (PP), durante o acto no que se procedeu á presentación á veciñanza tanto da bandeira coma da acta. Para a ocasión, ademais dunha representante da Secretaría Xeral de Emigración, María Baleato, achegáronse ata o consistorio a neta e o bisneto dalgúns daqueles emigrantes, María Segunda Llerena e Antonio Villamarín. A primeira compartiu con toda a xente que enchía o salón de plenos os recordos gardados pola súa familia sobre aqueles homes e mulleres que marcharon a conquistar o seu futuro fóra e que sempre «puxeron ao seu pobo por riba de todo». Tamén Manuel Villamarín, pertencente a familia que durante anos foi depositaria da acta de entrega da bandeira, un documento que hai algo máis dun ano decidiron ceder ao Concello, tivo palabras para aquelas persoas que cruzaron o mar para viviren aventuras apaixoantes pero, tamén, moitas durezas e moitos sufrimentos «de los que no siempre sabemos». Pena por querer volver a casa, anguria por non poder facelo, nalgúns caso medo por retornar á Galicia da posguerra á que tiñan que volver avalados polo cura da parroquia…

As voces de María Segunda e Manuel encheron de matices un acto que pretendía ser unha homenaxe á bandeira do Carme, convertida en símbolo de Pontecesures, e a través dela, a toda a xente da vila que marchou á emigración. Algúns atoparon o camiño de volta, outros non.

O estandarte que representa á veciñanza cesureña «de aquí e de alá», que durante anos presidiu a procesión do Carme —hai moito tempo que a que loce nese paseo é unha réplica— e que dende hai décadas preside o salón de plenos do Concello, vendo pasar corporacións, foi recibida onte con todas as honras que merecía, despois dunha estancia dun ano no Museo de Pontevedra, onde foi tratada de todos os seus males. «A idea de restaurala é unha pasada, estou desexando vela», dicía durante a súa intervención María Segunda Llerena. O seu desexo cumpriuse pronto: mentres soaba o himno galego, a bandeira galega que cubría o marco que acompaña dende hai anos ao estandarte do Carme caeu, deixándoo á vista. Logo, o alcalde deixou en mans de Antonio Villamarín descubrir a restauración feita da acta da súa entrega, un documento que el lembraba feito anacos pero que agora está dunha peza. «É incrible o traballo feito».

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.