Llerena Ferro, o artista ao que choran as sereas do río.

Publicado por Redacción en

Pintor, escultor, ceramista, muralista e decorador traballou Cerámica Celta e en Cerámicas do Castro

Deixounos en Sada o grande xenio das artes e mestre de artistas —pintor, escultor, ceramista, muralista, decorador— o cesureño Jose Victoriano Llerena Ferro (Pepe Llerena) aos 95 anos de idade. Naceu o mesmo día que Rosalía, pero 91 anos despois, en 1928, fillo de Segundo Llerena Braña (irmán do meu bisavó) e Carmen Ferro. De meniño tivo que ser internado no sanatorio de tuberculosos da Lanzada, onde puido recuperarse de tan mortífera enfermidade, despois duns 5 anos de estancia. Alí foi onde descubriu a súa vena artística, despois de ver a unha enferma facer uns debuxos, empezou a dárselle por debuxar e espertoulle a que sería a súa desbordante imaxinación (cousa xenética de sempre na familia Llerena).

Saíu do sanatorio con 11 anos, sen saber ler nin escribir, pero logo cando vai á escola pronto ponse ao día. Xa moi mozo as súas ansias artísticas terán cabida comezando a traballar no seu pobo, na famosa Cerámica Celta que rexentaba Ramón Diéguez. Alí moldeaba figuras e as decoraba. Con 16 anos vai a estudar a Santiago na Escola de Artes e Oficios, mentres o compaxina dando clases particulares de debuxo, e xa daquela xa daba conta das súas andanzas artísticas o seu veciño Raimundo García, Borobó, no xornal La Noche.

Llerena Ferro, primero por la izquierda, con compañeros de Cerámicas do Castro

Llerena Ferro, primero por la izquierda, con compañeros de Cerámicas do Castro 

Nos 50 vai traballar para a nova fábrica de cerámica artística do Castro (Sada), onde se converterá nun estreito colaborador de Isaac Díaz Pardo e sendo durante 40 anos o xefe decorador da empresa. Vivirá entre Sada e A Coruña. Nesta cidade será mestre de cerámica na Escola de Artes e Oficios, e fará moitos murais para as entradas de edificios de luxo. En 1970 pasará unha estancia en Ecuador, contratado pola ONU, para ensinar técnicas ceramistas. Ademais da cerámica e murais, e autor de moitas pinturas, de estilo abstracto, coa que se presentará a prestixiosos certames, sendo recoñecido e galardoado en varios deles. Era unha persoa dun carácter moi alegre.

Na vila natal deixou pegada coma escultor do escudo de Pontecesures, que está na casa do Concello e doou a preciosa serea que luce na piscina municipal (1989). Tamén soaravos a moitos a portada do libro Los últimos cien años de Cesures, que escribiu Jose Piñeiro Ares, pois a pintura do pino manso que alí aparece e tamén da súa autoría. Llerena soubo tamén transmitirlle a súa paixón pola arte aos seus fillos e incluso un deles, Antón Xosé Llerena López, é doutor en Belas Artes. Esa sensibilidade e carácter especial os seus fillos déixana con este agarimoso e sentido recordo na súa necrolóxica: «Foi un pai e marido exemplar e un home realizado e feliz polo que lle deu a súa vida centenaria, aquela que perdeu sen querer perdela, e que lle quereríamos alongar. Hoxe lle choran pola ría de Sada e polas ribeiras do Ulla, chórano as sereas do río e as mulleres todas que pintou e aquelas que abeirou, como tamén lle choramos, desconsolados, os familiares e amigos, mentres o gran Llerena, o noso mestre creativo, vai camiño de Santiago, soíño, na súa postremeira peregrinación».

Daniel Seijas

La Voz de Galicia

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.