Maite Tocino atribúe o cambio de terzo en Pontecesures ao enfado da xente co goberno de Seage.

Publicado por Redacción en

O PSOE adianta o seu voto para que a nacionalista sexa nova acaldesa en substitución do popular

Pontecesures foi un dos concellos do sur de Arousa que virou electoralmente na noite do 28 de maio. Tras sete anos de tripartito de dereitas, o Partido Popular semellaba en disposición de conseguir a maioría absoluta ante a incomparecencia dos seus dous socios, TEGA e Independientes de Pontecesures (IP). Pola contra, o PP só foi quen de elevar en 163 os seus votos, dos 520 do 2019 aos 683 de antonte, que sumados aos 59 de Vox, que quedou fóra da nova corporación municipal, supoñen 150 menos cos 892 da suma dos populares e os obtidos polos dous socios que mantiñan na alcaldía a un Juan Manuel Vidal Seage ao que non lle bastou con medrar de 4 a 5 concelleiros.

A gran triunfadora o domingo foi a candidatura do BNG, renovada con Maite Tocino á fronte do cartel. Os seus 545 votos foron case o dobre cos 297 acadados na convocatoria anterior coa exalcaldesa nacionalista Cecilia Tarela á fronte da lista, pasando así de 2 a 4 concelleiros. Xunto aos 2 do PSOE, que perdeu un edil ao caer dos 434 aos 378 sufraxios, Tocino converteráse o 17 de xuño na nova rexedora de Pontecesures. E iso será así en tanto o líder local do PSOE, Roque Araújo, confirmaba onte o apoio da súa formación á investidura, pendentes ambas partes de decidir a nivel interno e entre si a formación dun bipartito ou un mandato do BNG en minoría.

«Nós agardabamos subir. Contabamos con facelo nun concelleiro. Pensabamos que a posibilidade do sorpasso ao PSOE ía estar aí, aí. Ao final decantouse máis cara nós», comentaba onte a futura alcaldesa.

Fronte á relativa sorpresa polos grandes resultados da súa formación, o que non estraña o máis mínimo a Maite Tocino foi o cambio de cor do goberno local: «Analizando como está a nosa vila, o traballo do equipo de goberno e o que a xente nos transmitía, contabamos cun cambio. No último ano e medio o ambiente entre o pobo fíxose moi belixerante, a xente estaba moi enfadada, moi desgustada porque desde o Concello non lles solucionaban os seus problemas. No goberno local non o souberon ou non o quixeron ver e o resultado está aí».

A líder do BNG vai máis aló da oposición ao proxecto dun polígono industrial no lugar da Tarroeira impulsado pola Xunta co apoio do tripartito de Seage: «Houbo unha desatención integral da vila e do rural, da limpeza, cun páramo no tema cultural e despreocupados das entidades deportivas». E fronte a iso, o BNG presentou, di Tocino, «o moito traballo que levamos feito nestes sete anos na oposición, tanto na corporación coma falando cos colectivos sociais, traballando para tratar de resolver os seus problemas».

Este xornal tratou de coñecer onte a valoración do inda alcalde, Vidal Seage, dos resultados electorais do PP, sen éxito.

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.