Vilarello será porto de parada do remonte das dornas que honra os versos de Rosalía no Inchadiña Branca Vela.
Vilarello, en Valga, será, un ano máis, porto de referencia para a actividade “Inchadiña branca vela”, a remonta do Ulla en embarcacións tradicionais coma homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro. A concelleira de Turismo, Malena Isorna, participou na Casa Museo da escritora, en Padrón, na presentación da actividade, xunto ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e os alcaldes de Padrón, Dodro e Rianxo, localidade que nesta edición acollerá a saída da travesía en lembranza de Castelao, de quen se cumpren 75 anos do seu pasamento.
A “Inchadiña branca vela” celébrase este sábado, 26 de xullo, coa participación dunhas vinte embarcacións tradicionais que surcan a Ría ata os ríos Ulla e Sar: Gamelas, galeóns, bucetas, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo (polbeiras, de tope, xeiteiras), chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa.
A novidade desta XII edición é que boa parte das embarcacións sairán xa pola mañá do porto de Rianxo para logo unírensese ao percorrido habitual, coa saída ás 16:00 horas desde a praia fluvial de Vilarello ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón.
Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de “Cantares gallegos”, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que, precisamente nesa obra, falaba das dornas que subían Ulla arriba no seu tempo.
Conta ademais cun importante valor paisaxístico, ao difundir a beleza da Ría de Arousa e do Ulla, un mar e un río que estiveron moi presentes na obra da internacional Rosalía de Castro.
Diario de Arousa
0 comentarios