Pontecesures converterase este domingo no epicentro do piragüismo provincial
A vila acollerá a terceira xornada da Liga Provincial de Pontevedra – Depoescolas 2025 coa participación de máis de 300 deportistas
Este domingo 27 de xullo, o río Ulla será protagonista dunha xornada especial de piragüismo en Pontecesures. A partir das 16:30 horas, o peirao da vila transformarase no escenario da III Competición da Liga Provincial de Pontevedra – Depoescolas 2025, unha cita que reunirá a 313 deportistas procedentes de 19 clubs da provincia.
A competición disputarase sobre unha distancia de 1.500 metros e incluirá oito saídas que abarcan desde a categoría prebenjamín ata alevín A, tanto en modalidade masculina como feminina. Os máis pequenos serán os primeiros en tomar a saída ás 16:30, e a xornada prolongarase ata última hora da tarde no incomparable marco natural que ofrece o río Ulla ao seu paso por Pontecesures.
O Club Náutico Pontecesures, protagonista local
O club local presenta o maior número de participantes desta terceira xornada, con 61 deportistas inscritos, consolidándose como unha das canteiras máis potentes da provincia. Ademais, o equipo pontecesurense ocupa actualmente a terceira posición na clasificación xeral da liga con 130 puntos, mantendo opcións reais de loitar polo liderado.
Tras as regatas celebradas en Pontesampaio e Verducido, a Liga Provincial 2025 chega ao seu ecuador cunha clasificación moi disputada. O Club Náutico O Muiño de Ribadumia lidera co 140 puntos, seguido polo Club Cofradía de Pescadores de Portonovo (134) e polo Club Náutico Pontecesures.
A xornada promete ser unha das máis emocionantes da tempada, coa participación destacada tamén do Club de Piragüismo Cambados e o Club Cofradía de Pescadores de Portonovo, ambos con 28 deportistas, e o Club de Mar Ría de Aldán – Gandon S.A. con 26 palistas.
0 comentarios