Pontecesures, sempre.

Publicado por Redacción o

Juan Manuel Vidal Seage, exalcalde de Pontecesures e voceiro do PP local

100 anos da creación do noso querido Concello

Juan Manuel Vidal Seage e a alcaldesa Maite Tocino.
Juan Manuel Vidal Seage e a alcaldesa Maite Tocino. 

Celebramos esta semana o centenario da creación do noso querido Concello de Pontecesures e, aínda que todos os días da nosa andaina independente son importantes e teñen cadansúa historia, está claro que tivemos a honra e o orgullo de vivir unha efeméride única, da que quero salientar e agradecer sobre todo a unidade do pobo e que a compartiramos todos xuntos, en harmonía, sen diferenzas, recoñecendo o pasado, disfrutando do presente e ollando ao futuro.

E seica cen anos son apenas un amencer na vida dos pobos, que dicía Víctor Hugo co gallo da Revolución Francesa, e por iso quero tomar prestada estas verbas para destacar que a nosa identidade e sentimento como Concello apenas está no comezo da súa historia, pero sen esquecernos que a nosa historia é moito máis longa, latexa desde hai moito máis tempo, pois xurde da herdanza de máis de dous mil anos desde o castro celta de Cessuris.

A celebración do centenario.
A celebración do centenario.

Por elo, é moi destacable como decenas de xeracións de cesureños conseguimos converter un territorio, unhas xentes e un fío común nun Concello de pleno dereito, un termo cun claro sentido de comunidade e con unánimes sinais de identidade, desde o río Ulla ata a Nestlé, orixe dun modelo urbano singular que coadxuvou moito na nosa independencia, pasando polo churro ou a lamprea, entre moitas outras.

E por riba de todo, por riba das diferenzas e maneiras de pensar de cada quen, que creo que sen dúbida son fundamentais para o desenvolvemento e o dinamismo dun pobo, posto que son piares dunha sociedade viva, os cesureños demostramos sempre concordia, respecto, unión de esforzos e defensa dun proxecto común, algo que é digno de eloxio e que, no mundo actual, vaise antoxar máis fundamental que nunca para afrontar todos os retos que temos por diante para asegurar que Pontecesures, esta nosa casa, siga aberta alomenos nos próximos cen anos.

E a nivel persoal, quería facer un par de reflexións, posto que para min é un absoluto orgullo, a máxima honra e unha infinita responsabilidade ser un representante dos veciños de Pontecesures, o meu concello. Seguirei contribuíndo, con humildade, ao benestar colectivo e afrontando cada reto con responsabilidade e proximidade, tanto no presente coma no futuro.

Quero continuar expresando o meu eterno agradecemento para todas as persoas que, desde hai máis de cen anos, fixeron posible que este soño chamado Pontecesures sexa hoxe unha forte realidade. O meu cariño a todos os traballadores municipais, alcaldes, concelleiros, asociacións, colectivos, clubes, empresas, comercios, negocios, autónomos, absolutamente a todos os cesureños, porque o futuro de Pontecesures será de todos e para todos ou non será.

E xa remato, lembrando e recoñecendo a todos os veciños. Os que foron, os que son, os que serán. Pontecesures, sempre.

Faro de Vigo

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.