Entrevista Manuel Luís Álvarez Angueira – Candidato do BNG á alcaldía de Pontecesures
Concelleiro dende 1991, alcalde dende o 99, Álvarez Angueira tentará, no asalto ao seu terceiro mandato na alcaldía, consolidar a praza de Cesures para o BNG.
-Disque lle gusta o Xabarín Club.
-A min non me poden marcar a axenda os concelleiros da oposición. Mira, cando había aquel pleno ordinario eu estaba nunha reunión na Fegamp para tratar de solucionar a folga do lixo. O tenente de alcalde tiña perfectas facultades legais para desenvolver a sesión plenaria, pero eles quixeron boicotealo, non asistiron e forzaron o seu retraso para dous días máis tarde. Entón había un compromiso importante, e a axenda estaba pechada. Así que, eses que tanto falan agora, que atendan ben as súas responsabilidades.
-¿Tan crispado está o ambiente político?
-Na cidadanía non hai ningún tipo de crispación como a que a oposición quere levar aos plenos. Iso para min é suficiente.
-Tivo problemas coa CIG. ¿O inimigo na casa?
-Non creo ter inimigos en ningures. Houbo en ocasións xeitos distintos de entender as cousas, nada máis. O compromiso do BNG queda ben demostrado co esforzo que as consellerías que xestiona están a desenvolver en Pontecesures. A min o que me interesa é resolver os problemas dos veciños.
-O candidato do PP acúsao de caciquismo.
-¿Que me pode pedir a min un señor que dimitiu aos cinco minutos de tomar posesión? ¿Que lexitimación política pode ter unha persoa que dimite aos cinco minutos sen dar explicacións ao pobo que representa nin ao seu propio electorado? Ningunha.
-Dígame, ¿pásalle a vostede como ao da cantiga? ¿Ten que cruzar a ría?
-Cando a oposición non ten argumentos, calquera cousa lles vale. Os veciños valorarán a miña xestión, non se durmo en Rianxo ou se fago bicicleta ou vou remar. A vida privada non forma parte da política e coido que merece respecto.
-¿Sentiuse acosado?
-Persoalmente sentinme acosado e moi decepcionado. Nunca exercín unha política de acoso persoal, senón de responsabilidade, tamén cando estaba na oposición. Pero aquí sucederon cousas que superan con moito o sentido común. Alguén confunde a acción política co acoso á miña persoa, e iso non axuda á boa convivencia cidadá.
-¿Que valoración fai, logo de todo o que pasou, dos pactos de goberno?
-Os pactos sempre condicionan, pero en xeral foron bos porque primaron os intereses xerais fronte os intereses partidistas. Malia as dificultades dos últimos anos fixéronse cousas importantes nas infraestruturas, nos accesos a lugares, na rede de saneamento, fíxose a gardería, a Xunta vai investir 165.000 na posta en marcha da depuradora, que foi a gran asignatura pendente. Iso é para min un orgullo, un gran logro.
-Pero tamén lle deron dores de cabeza.
-Hai que ollar ao futuro, e hoxe por hoxe o BNG é o único grupo que pode garantir un goberno forte e estable. Pontecesures merece non ter que depender de chantaxes políticas como as que alguén está a plantear ultimamente. Somos os únicos capaces de garantir esa solidez que a vila precisa.
-O teórico compañeiro de camiño, o PSOE, aposta por un Sabariz que non semella disposto a pactar…
-Diso falaremos o día 28. Eu, pola traxectoria deste personaxe na ACP, e pola súa forma de entrar no PSOE, teño poucas esperanzas de que poida colaborar nun goberno. Pero é responsabilidade do PSOE. Alá el. Agora, á vista da moción aquela que tiñan preparado, é máis doado que pacte co PP que connosco.
-Unha maldade final. ¿Vale máis unha Estrella en Rianxo ou en Cesures?
-Non me pillas, porque non bebo cervexa. Pero direiche que unha auga costa o mesmo que en Caldas.
La Voz de Galicia 29/04/2007