As 13.35 horas do día 2 de setembro atracou nunha rampla do peirao, co alcalde de Pontecesures na proa, a embarcación na que fixeron a viaxe dende Vilagarcía de Arousa o Director Xeral de Turismo, o Xerente da S.A. do Xacobeo, o Presidente da propia ruta maritimo-fluvial, representantes de varios concellos e outros acompañantes. Apreciei a presenza dos alcaldes de Teo, Rianxo, Boiro, o concelleiro de cultura de Vilagarcía, etc. Tamén viña a bordo a alcaldesa en funcións Maribel Castro e a concelleira Ana Portas, mentres Margarita García Castro e José Antonio Baliñas recibiron á expedición (como eu, aínda que non estaba convidado) no propio peirao.
Concello
Carta íntegra de Sabariz a Anxo Quintana sobre discriminación política na selección de persoal.
O pasado 14 de agosto tivo lugar na casa do concello de Pontecesures a entrevista para seleccionar un conserxe para edificios para 8 meses (programas de fomento do emprego da Consellería de Traballo) e foi enviada unha relación pola Oficina de Emprego de Vilagarcía de 6 traballadores/as residindo unicamente en Pontecesures unha delas.
Sorprendentemente non foi seleccionada ningunha e o alcalde o propio 14 solicitou á Oficina de Emprego mais candidatos para complementar o listado (ampliación do sondeo). Como práctica xeral nestes casos sempre foi seleccionada a candidata residente no municipio para fomentar o emprego no mesmo e valorando que para ser conserxe precísase coñecer o termo municipal.
Concello
A ACP solicita melloras relacionadas co campo de fútbol
Rematada a obra de construcción do muro lateral de peche do campo de fútbol «Ramón Diéguez» no monte de Porto resulta urxente colocar de novo a alambrada por enriba do muro para impedir, no posible, que os balóns vaian fora do recinto.
Tamén resulta moi necesario colocar unha porta e unhas esqueiras no muro para facilitar o labor do persoal do club de fútbol precisamente cando os balóns saen das instalacións.
Solicitan tamén os veciños das vivendas de protección oficial que están preto do peche construído que se coloque un taboleiro para a información municipal no novo muro como tiñan antes.
Tamén urxe que sexan talados os piñeiros que están escorados preto do novo muro como foi solicitado hai uns días. Se ven algún temporal con vento forte os piñeiros poden desplomarse destrozando o muro cos conseguintes riscos para os veciños.
Esta petición trasladouse á alcaldesa en funcións Maribel Castro, esperando que todas estas cuestións sexan resoltas canto antes.
Concello
O mércores 30 de agosto pleno ordinario
O 30 de agosto ás 21,00 celébrase o pleno ordinario na casa do concello que será presidido pola alcaldesa en funcións Mª Isabel Castro Barreiro e que só leva na orde do día as actas anteriores, os informes da presidencia e os rogos e preguntas.
Este concellleiro da ACP critica a ausencia do alcalde por segundo pleno ordinario consecutivo, facendo coincidir o disfrute de dous períodos vacacionais precisamente cos días de pleno para non comparecer e non contestar as numerosas preguntas da oposición que ten pendentes.
Tamén se destaca que xa levamos dous plenos ordinarios de mero carácter informativo sen adoptarse acordo algún, criticándose, en consecuencia, a paralise, na xestión municipal do grupo de goberno.
Tamén se lamenta que a alcaldesa en funcións non incluira na orde do día a moción da ACP referente á necesidade de contar cun tractor para a prevención e extinción de incendios forestais.
De tódolos xeitos, faise un chamamento aos veciños para que asistan á sesión onde se van a realizar unha serie de preguntas relativas o funcionamento do concello.
Concello
Resposta de Luis Angel Sabariz Rolán ao señor alcalde de Pontecesures.
Documento publicado en «La Voz de Galicia» o 27.08.06
Naturalmente agradezo o labor humanitario realizado por vostede para impedir que o lume afectara ás vivendas. Iso non é incompatible con criticar que un canle que bombea 150 litros de auga por segundo estivese baleiro pola súa incompetencia e que a Delegación de Medio Rural dirixida polo BNG non concedera o tractor cisterna solicitado hai tempo para actuar preto das vivendas.
Acúsame de despreocupación nos incendios e iso non é certo. Vostede, que dirixe o concello, nin informou nin pediu a miña colaboración para nada. Non participei na loita directa contra o lume preto das casas pois, ademais de non ter oportunidade de facelo, nin teño coñecementos nin tiña material axeitado. Visitei varias veces as zonas e as casas dos afectados, fixen moitas xestións preventivas en contacto cos veciños para que se limpasen fincas particulares, tamén para que se restablecese o subministro eléctrico en Grobas e Fenteira despois do incendio, etcétera.
Penso que é inxusto acusarme de desentenderme dos problemas dos cidadáns. Os veciños xa coñecen quen estivo e quen non nos últimos sete anos cando houbo algún problema nas rúas ou na casa do concello.
Sempre prefiro debater nos plenos que nestas cartas. O que pasa é que ultimamente vostede nin asiste ás sesións nin contesta as numerosas preguntas que lle formulo.
Moléstalle dabondo o meu labor de control na oposición. Prefire os concelleiros que acoden só de pleno en pleno. Para iso non estou nunha corporación. Facer propostas, denunciar carencias e averiguar irregularidades é a miña obriga. Por certo señor alcalde, o pobo divídese cando se discrimina aos cidadáns por razóns políticas e iso e responsabilidade súa.
Para rematar vou dicir o mesmo que dixen nos plenos e nas rúas. Considero que vostede non é a persoa idónea para ocupar a alcaldía desta vila. Non é cuestión de vinganza senón de incapacidade, das irregularidades, e do clientelismo e amiguismo que practica na xestión municipal.
Sin Categoria
O novo párroco de Pontecesures tomará posesión o día 3 setembro
O vindeiro día 3 de setembro tomará posesión D. Arturo Lores Santamaría como novo titular da única parroquia de Pontecesures (San Xulián de Requeixo). O acto terá lugar na igrexa parroquial ás 12,00 horas, estando prevista a asistencia de monseñor Barrio, Arcebispo de Santiago.
Arturo Lores é nado en Vilanova de Arousa, ten 52 anos, procede de Pontedeume e ocupa a praza que estaba vacante dende pasado 30 de xuño data na que tivo lugar a xubilación eclesiástica do párroco anterior D. Severino Potel Estévez.
Precisamente dende o día 30 de xuño viña exercendo como titular e accidentalmente o párroco de Campaña (Valga) D. Manuel Míguez Lodeiros que acumulaba as dúas parroquias