Finou Barral.

Aos 77 anos de idade morreu hoxe, Manuel Barral Troáns, que estaba casado con Rosario Piñeiro Blanco. Foi Barral concelleiro de Pontecesures varios anos e membro do Patronato da Biblioteca Municipal ata que se integrou esta na rede da Xunta de Galicia.
O velorio está instalado no Tanatorio Iria Flavia de Padrón. Dende alí sairá mañá xoves, 26 de agosto, a comitiva fúnebre, ás 18:30 horas, para a Igrexa Parroquial de Pontecesures onde terá lugar a misa funeral. Os restos mortais recibirán sepultura logo no Cemiterio Municipal de Condide.
Descanse en paz.

“Brath” e “Noise Proyect” o domingo, 29 de agosto, en Pontecesures.

Dentro do programa “Cultura en Ruta” de Caixanova, o domingo, 29 de agosto, terán lugar na Plazuela os seguintes actos:

-12:30 horas. Pasarúas cos gaiteiros da “Asociación Musigaiba”.
-19:00 horas. Espectáculo infantil. “Dous pallasos en apuros”.
-20:30 horas. Concerto de “Noise Proyect”.
-21:45 horas. Actuación da banda de música galega “Brath”

Curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais con posibel retribución.

Este curso do programa “Aquelando” está dirixido a persoas desempregadas que queiran formarse como coidadores/as de persoas dependentes.

-Trátase dun curso gratuito a celebrar en Pontecesures.
-Comezará a mediados de outubro.
-O horario será de mañá, con cinco horas diarias.
-Posibilidade dunha bolsa de asistencia de ata 10 euros/día.

Máis información na Oficina do Técnico de Emprego de Pontecesures (horario: de luns a venres, de 8 a 14 horas; teléfono 986/564403).

Curso de maquillaxe e estética en Pontecesures.

Ao abeiro do programa ACTÏVATE-CURSOS XUVENTUDE 2010 da Deputación de Pontevedra vaise impartir polo concello un curso de 30 horas de maquillaxe e estética. O curso desenvolverase nos meses de setembro e outubro no Centro Social ou na Casa do Concello. Para participar é necesario:
-Residir en Pontecesures.
-Ter entre 16 e 35 anos (ámbalas dúas idades inclusive)

Os interesados/as neste curso poden inscribirse chamando ao Concello de Pontecesures (986/557125 ou 986/564410), nun prazo que remata o 10 de setembro.

Os vándalos romperon outra vez unha canastra da pista do peirao.

Na noite do venres ao sábado, os bárbaros voltaron a empurrar contra o chan unha das canastras de baloncesto do peirao (recentemente reparada logo dos destrozos da noite de San Xoán). Rompeu o taboleiro e o aro non aparece.
Realmente decepcionan estes actos tan absurdos. ? unha falla total da educación cívica máis elemental atacar aos bens de todos como xeito de divertimento.
Faise un chamamento a veciñanza para que se alguén ten algún indicio do autor ou autores o comunique á Policia Local

Os “botellóns” proliferaron nas pasadas noites en Pontecesures.

Unha gran cantidade de lixo procedente dos “botellóns”, foi retirada nas dúas noites pasadas, coincidindo coa celebración das festas de San Roque en Porto. No Souto, na rúa Gorgullón, na rúa Caldeiron de Abaixo, no parque infantil do campo de fútbol, na pista polideportiva do peirao, fronte as instalacións de Protección Civil, e noutros puntos, apareceron gran cantidade de botellas, vasos e outros desperdicios. Os operarios do concello tiveron traballo dabondo para recoller este lixo que se engade ao xerado nas verbenas da praza dos Valeiros.