Con data 08/02/12, o alcalde de Pontecesures, Manuel Luis Álvarez Angueira ditou un decreto resolvendo que a furgoneta municipal Citroën Jumpy de 9 prazas 7879GSJ só podería ser utilizada no futuro polos clubs deportivos do municipio pois teñen a necesidade de desprazar aos xóvenes ás diferentes competicións. Falaba o alcalde de que viñan presentándose numerosas peticións de entidades de todo tipo e precisabase racionalizar o seu uso.
Esta furgoneta foi conquerida para o concello polo anterior goberno logo de asinarse un convenio coa Deputación de Pontevedra e tivemos que abonar unicamente o 25% do seu custo. Ata a resolución, ademais de utilizala o concello para o seu servizo, foi tamén utilizada, no tempo que non tiña uso por parte do concello, por asociacións e entidades sen ánimo de lucro de Pontecesures, tanto deportivas coma culturais, para trasladar aos integrantes dos equipos ou ben agrupacións folclóricas, corais, etc?facéndose cargo neste caso do custo do combustible.
Considerouse xa daquela inxusta e discriminatoria a decisión xa que as asociacións culturais realizan un traballo importante onde están implicados un número considerable de nenos e maiores que, ás veces, precisan desprazarse (non tanto como os equipos deportivos, obviamente) e supón un apoio importante ter a posibilidade de utilizar a furgoneta municipal. Solicitouse ao alcalde que reconsiderara a súa decisión, sen ter contestación algunha.
Pois ben; con gran sorpresa temos coñecemento de que o alcalde en funcións, Roque Araújo, autoriza a unha asociación cultural do municipio, mediante resolución de 23/07/12, o uso da fugoneta para unha peregrinación en bicicleta, polo que vai en contra do criterio do alcalde titular. Parécemos moi ben que «A Estornela» utilice o vehículo municipal, pero tamén que poidan facelo as outras asociacións culturais do concello. ¿En que quedamos?, ¿Poden ou non poden utilizar as asociacións culturais a furgoneta?. A situación é confusa amosándose a desorganización dun goberno onde cada un vai á súa bola. Co alcalde titular de viaxe e o primeiro tenente de alcalde, Ángel Souto Cordo, de vacacións, parece que o segundo tenente de alcalde Roque Araújo, en funcións de alcalde, «aproveita a ocasión» para facer amigos deixando o vehículo en contra da resolución de Álvarez Angueira. Parece realmente insólito que un alcalde en funcións dite unha resolución en contra do decretado por un alcalde titular.
Polo exposto, solicítase a Roque Araújo unha explicación do sucedido e que, en todo caso, dite unha resolución anulando a do 08/02/12 do alcalde Álvarez Angueira para que todas as asociación culturais de Pontecesures poidan utilizar a furgoneta co mesmo dereito.
Pontecesures, 25/07/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures