As Festas do Carme este ano celébranse os días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo, pero realmente pouco máis sabemos. Nin programa, nin cartel nin nada de nada. Ante isto matizamos:
1. Non entendemos como despois de levar máis dun ano o goberno local no poder, estamos case a unha semana das celebracións e nada se coñece dos actos.
2. Tampouco é normal que en todo este tempo, o goberno local non fora quen de lograr que houbese unha comisión encargada, alomenos, de recadar os donativos das familias para os festexos. Non hai capacidade de traballo, falta ilusión e os eventos festivos para o goberno local son máis unha obriga que outra cousa.
3. Ninguén sabe que cometido realiza a concelleira de cultura, Margarita García Castro, na organización das festas, e porque as xestións as está a levar a súa compañeira nacionalista, Cecilia Tarela, cando esta última é concelleira de medio ambiente urbano, muller e xuventude.
4. Tampouco ninguén sabe se o alcalde de Pontecesures, Manuel Luis Álvarez Angueira decide algo en relación cos festexos ou con outros temas municipais. A cidadanía percibe que temos un alcalde «de miranda», que nin vive na vila, nin se implica, nin se atopa por ningunha parte.
Naturalmente toda esta inoperancia e desorganización fai espertar todo tipo de rumores na rúa en canto ao funcionamento do equipo de goberno. Da a sensación de que as decisións sobre as festas da concelleira Cecilia Tarela non son consensuadas e tampouco son ben recibidas por outros membros do goberno local e que esta concelleira vai «a súa bola». Lamentablemente estes desencontros sempre afectan no programa das festas para prexuizo de todos.
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures