Todos coñecemos o malestar dun numeroso grupo de pais/nais de nenos/as que xogan nos equipos de base do Pontecesures Club de Fútbol por mor de aspectos organizativos da referida entidade.
Tamén coñecemos que ditos pais/nais solicitaron a mediación de vostede, na súa condición de alcalde presidente do concello, para tratar de solucionar a problemática tratando estes temas coa xunta directiva do Pontecesures C.F.
Esta situación no único club de fútbol de Pontecesures está a preocupar a este concelleiro, por tres razóns:
1. Porque a institución municipal ten un monitor de fútbol contratado (os custos totais son sufragados dos orzamentos do concello na súa totalidade), que presta os seus servizos case en exclusiva no equipo da localidade.
2. Polo uso das instalacións do campo municipal ??Ramón Diéguez?, e a percepción da subvención municipal anual por parte do club deportivo.
3. Porque a problemática pode incidir negativamente no desenvolvemento axeitado da práctica deportiva dos rapaces da vila.
Pola repercusión que pode ter este tema no Concello de Pontecesures, prégase a vostede que convoque, con toda urxencia, aos voceiros das forzas representadas na corporación, co fin de informarnos de primeira man do que está a suceder e as xestións realizadas por vostede e polo concelleiro de deportes, Roque Araújo, ata esta data.
Pontecesures, 22/02/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro ACP de Pontecesures













