Borobó contra Wallace Souza.

Foi un xornalista que facía agromar as palabras dun raro manancial no que converxen a dignidade e o sentimento gozoso da cultura. Nada que ver cos espadachíns do abrente que segan pescozos desde as columnas xornalísticas de neón. Tampouco pertencía á estirpe dos mefistofélicos que se venden ao mellor postor cun aceno cínico e un pasador inzado de billetes na gravata.

Raimundo García Domínguez, Borobó, foi un sobrevivente da vida e do xornalismo, cun lirio eterno de brancura na alma. Nin os expedientes trala guerra civil, nin os azares dunha profesión moralmente perigosa, segaron a súa bonhomía. ?l representa un xeito de vivir o xornalismo, de anaco en anaco, que nada ten que ver con esta feira mordaz das vaidades e dos estragos. As televisións énchense de pseudoxornalistas que escrutan, coma lobos frecuentadores, os sumidoiros do mundo rosa. Iso por non falar dos moitos tertulianos e discutidores afeitos a manexar o látego a piñón fixo. Despois da nobre arte da dialéctica quédanos a demagoxia pseudoideoloxizada.

Hai, claro está, profesionais irreductibles que fan o seu traballo coas armas fráxiles da decencia. Pero iso é difícil nestes tempos de cruzadas con hematomas colaterais. Demasiada xenreira entre empresas xornalísticas que reducen a política a unha guerra de titulares oportunistas.

Certo que sempre existiron os comisarios na profesión e as prumas alugadas, molladas no alcol do cinismo. Pero en medio deste panorama enteirámonos de que un famoso presentador televisivo do Brasil, un tal Wallace Souza, provocaba crimes para ofrendalos como gran primicia no seu programa de sucesos. Pagaba para que os mercaderes da morte segasen vidas por un pouco máis de share. Velaí unha representación simbólica dunha nova fronteira para o xornalismo infamante. Un eco cruel desa filosofía de que todo vale para alimentar a serpe golosa e omnívora da audiencia.

Por iso é necesario volver a aqueles que sentiron o xornalismo como unha forma de observar e relatar o mundo, con culta lucidez e sen estridencias sensacionalistas.

Falo de Borobó, que foi tamén Don Gallego, Uriel ou o impagable Ánxelo Novo, pseudónimos dunha obra con múltiples vasos comunicantes. Convén revisar ese legado para saber que o xornalismo tamén pode ser un eido plural, luminoso e reconfortante.

Artigo de Xavier Lama (escritor). Tribuna Abierta. ELCORREO GALLEGO, 25/10/09

Xavier Lama, primeiro gañador do premio Raimundo García “Borobó”.

Premi B

O gañador do certame, Xavier Lama, recibe a Pluma de Ouro de mans de Alfonso Cabaleiro.

O xurado concedeulle a Pluma de Ouro pola súa “axeitada parábola” ·· Os outros dous galardóns para Francisco Castro e Mercedes Gualtería·· A Xunta concederá axudas á prensa para mante-la súa liberdade e pluralidade

Xavier Lama, Francisco Castro e Mercedes Gualteria Pintos resultaron gañadores do I Premio Raimundo García Domínguez Borobó, promovido pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) en colaboración coa Consellería de Cultura e a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.

O escritor e periodista Xavier Lama levou a Pluma de Ouro polo seu artigo Borobó contra Wallace Souza, do que o xurado subliñou a axeitada “parábola” á que recorre para establecer unha comparación entre o xornalismo que viviu Borobó e o actual. O autor salienta neste texto a deriva dos medios cara ao espectáculo e a busca da audiencia a calquera prezo.

O creador de Spam, (Galaxia, 2006), o escritor Francisco Castro, conseguiu o primeiro accésit e a Pluma de Prata por Borobó despedido, do que o xurado sinalou a “valentía coa que aborda o problema da independencia dos medios, fronte aos intereses do sistema, alertando sobre a perda de credibilidade e a prostitución do oficio”.

O segundo accésit e a Pluma de Bronce foi para a autora de Pedras de Compostela, (Xerais, 2009), a escritora Mercedes Gualteria Pintos. O seu artigo, Carta do alén, foi escollido polo xurado debido á súa “entrañable recreación da vida compostelá”, desde unha perspectiva que podería ter sido a do propio Borobó. O xurado, foi presidido por Benxamín Vázquez González.

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Barxas, comprometeu o apoio da Xunta, a través de Cultura e a Secretaría Xeral de Medios, aos proxectos “que poidan confluír en accións concretas e conxuntas cos medios de comunicación”.

Na clausura, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, subliñou a categoría de Borobó e apuntou que a Administración pública está fondamente preocupada pola situación da prensa actual. Neste sentido, adoptou o compromiso de que nesta lexislatura a Xunta fará unha regulación de axudas á prensa “con criterios obxectivos e rigorosos” e en aras a mante-la súa liberdade e pluralidade. Neste marco, Cabaleiro dixo que se levará ó Parlamento unha lei de reforma da RTVG e unha lei do audiovisual. Ademais, o secretario xeral de Medios tamén dixo que, segundo as previsións, o 3 de abril “toda Galicia terá TDT”.

La claveMesa redonda sobre periodismo e opinión

·· Previamente á entrega celebrouse unha mesa coloquio na que debateron sobre periodismo de opinión o ex ministro, César Antonio Molina; os periodistas Xose Luis Barreiro, Magís Iglesias e Xavier Navaza, columnista de El CORREO GALLEGO. Moderou Rafael Cid.

EL CORREO GALLEGO, 25/10/09

Mañá, 20 de outubro, teatro para nenos na biblioteca de Pontecesures.

Ás 10:30 horas da mañá, dentro da campaña “Voces á orella-Bocaberta” e grazas á Secretaría Xeral de Política Linguística, será representada pola compañía “Casa Hamlet” a obra “Ratiña linda”, que ten unha duración aproximada de 40 minutos.
Está prevista á asistencia dos alumnos de Infantil e 1º e 2º ciclo de primaria do CPI Pontecesures cos seus profesores.
Ao ramate os nenos/as serán agasallados co libro de Bernardino Graña “Ratalinda de Compostela”