Hai uns días o Concello de Pontecesures publicou que o 25 de xuño ía por en marcha as actividades da Ludoteca de verán 2012 nun local municipal anexo ao pavillón polideportivo.
Con sorpresa constatamos que a actividade non é municipal, que vai ser desenvolvida por unha asociación allea ao concello á que se lle deixan as instalacións municipais de todos (sen procedemento nin convocatoria pùblica algunha) e que o persoal de dita asociación vaille cobrar directamente aos pais a cantidade de 50, 15 ou 3 euros diarios pola asistencia mensual, semanal ou diaria á ludoteca aínda que o concello non ten fixada contía algunha en concepto de prezo público ou taxa para asistir á estas actividades.
Todo isto é o que non indica o concello no anuncio. O concelleiro de Educación, Roque Araújo, quere publicitar unha actividade como municipal pero desentendéndose do desenvolvemento da mesma e do cobro dos prezos.
Para nada está de acordo a ACP con estas actuacións e por iso pregunta publicamente a Roque Araújo se a ludoteca en cuestión cumpre os requisitos do Decreto 354/2003 polo que se regulan as ludotecas en Galicia e do Decreto 329/2005 polo que se regulan os centros de atención á infancia. sobre todo en canto á titulación dos monitores/as da ludoteca, pois o concello está a asumir unha responsabillidade implicándose na publicidade, deixando as instalacións, e inscribindo aos nenos na propia Casa do Concello.
Non está a ACP en contra das actividades de verán, pero en forma de xestión directa, aprobando o prezo ou taxa que corresponda, recadando directamente as cantidades e contratando aos profesionais monitores polos criterios de igualdade, mérito e capacidade. Hoxe en día hai moita xente necesitada de emprego e non se concibe como dende unha administración pública se trate, precisamente, de incentivar que se esquiven os precedementos de selección.
Pontecesures, 16/06/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures