Avance das obras da nova calefacción do CPI Pontecesures

Este luns desprazáronse ao colexio de Pontecesures o xefe da unidade técnica da delegación de Educación da Xunta en Pontevedra e un representante da empresa que se vai facer cargo das obras. Ambos explicáronlle ao concelleiro de Educación, Roque Araújo, e a directora do centro, Begoña Regueira, os pormenores da obra, así como a data de inicio, prevista para o 26 de marzo. 

Asemesmo, ambos técnicos comentaron que se trataría de acometer as obras no periodo vacacional de Semana Santa, e nos días laborais seguintes , en horario non lectivo, para non entorpecer a activiade diario do centro.

Manifesto do Concello de Pontecesures do 8 de marzo: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

O equipo de goberno municipal  de Pontecesures, diante da data do 8 de marzo, Día internacional das Mulleres, queremos manifestar que asumimos a loita pola igualdade como un compromiso democrático, imprescindíbel para avanzarmos cara unha sociedade xusta. Non podemos tolerar que a metade da poboación sufra discriminacións e se limite o exercicio dos seus dereitos. Acreditamos no necesario compromiso das institucións públicas coa igualdade, que deben articular medidas e programas que atendan as súas demandas e loiten contra as discriminacións de xénero. Lamentabelmente, estamos a ver coma as mulleres son as principais afectadas pola crise económica e social que estamos a vivir xa que baixo o pretexto da crise, estase aplicando un programa regresivo, con efectos negativos para os dereitos e as condicións de vida das mulleres.

A feminización da pobreza é xa un feito na nosa sociedade facendo desaparecer avances acadados en decenios de esforzos de acción positiva.

O paro feminino medra por riba do masculino así como o número de mulleres inactivas que desisten de buscar emprego. A nova precariedade do mercado laboral e o recorte nas pensións afectará máis negativamente ás mulleres, que son maioría nos traballos a tempo parcial e na economía somerxida, cun promedio de menos anos de cotización e tamén son maioría como perceptoras de pensións non contributivas. Os recortes de servizos sociais e de atención á dependencia forzan a máis mulleres a asumir de novo o papel de coidadoras non retribuídas.

Todos eles son pasos atrás na procura da independencia económica imprescindíbel para rachar situacións de convivencia de parella violentas.

Os homes e mulleres que conformamos a Corporación Municipal de Pontecesures demandamos políticas que permitan a creación de emprego e o acceso en igualdade das mulleres ao mesmo; priorizar a loita e os recursos contra a violencia de xénero; apostar polos servizos públicos e a corresponsabilidade nas tarefas do coidado e a crianza. Para logralo é precisa a nosa implicación.

Podemos parar esta ofensiva e camiñar cara un modelo social e económico que albisque un futuro en igualdade en Galicia.