Sobre as 2:30 desta pasada noite tivo lugar un incendio na parte traseira dun autobús da empresa Pereira de Vilagarcía que se atopaba estacionado no aparcadoiro da estación de FFCC (o condutor reside na zona) e que fai o servizo diario regular Pontecesures/Vilagarcía.
Para apagar o incendio acodiron voluntarios de Protección Civil de Padrón e Pontecesures, persoándose tamén a Policía Local e a Garda Civil. Para esta mañá estaba prevista a comprobación no autobús por parte da policía xudicial para as correspondentes investigacións, permanecendo precintada a zona.
Na Subida ao Campo de Porto tamén a pasada madrugada foron incendiados dous vehículos nun garaxe particular e incluso foi desaloxada a vivenda por razóns de seguridade. Tamén a policía xudicial da Garda Civil está a realizar arestora as comprobacións oportunas e por parte dos técnicos se están a comprobar se a vivenda pode ser ocupada de novo.
Asi mesmo foron incendiados na pasada noite algúns contedores de lixo nos municipios de Padrón e Dodro. Por outra parte, en Pontecesures desapareceron algúns sinais de tráfico móbiles.