O coro da “Barcarola” cantou onte panxoliñas polas rúas e bares de Pontecesures.

Dende ás 18:30 ata as 21:30 horas da tarde de onte, día de Nadal, máis de 25 integrantes do coro desta asociación cesureña cantou panxoliñas polas rúas e os bares de Pontecesures, tentando de recuperar a tradición de hai moitos anos onde grupos de veciños cantaban estas panxoliñas polas rúas o día de noiteboa.
Os integrantes do coro, vestidos de Papá Noel na súa maior parte, foron moi ben recibidos e moi aplaudidos polos veciños, considerándose como un gran éxito esta iniciativa.
A Barcarola quere agradecer este recibimento e os donativos recibidos nunha tarde fría pero de gran alegría para todos.

Expectación para a Carreira Pedestre de mañá en Pontecesures.

Xa hai máis de 200 atletas inscritos, en tódalas categorías, para esta carreira, que comezará ás 16:30 horas de mañá sábado día 27 de decembro, nas inmediacións do monumento das Feiras do Automóbil na rúa San Lois. Espérase bater o récord de participación.
No Centro Social de Pontecesures (camiño de San Xulián nº 4-baixo), poderán inscribirse, mañá sábado, máis atletas dende ás 15:00 horas.

Esta pasada noite houbo actos vandálicos no CPI Pontecesures.

Apareceron así rotos varios paneis de metacrilato do patio do edificio dos nenos/as de Educación Infantil. Tamén, cun obxecto punzante, romperon os gamberros un cristal doble do propio edificio e tentaron forzar a porta de emerxencia para entrar no mesmo.
Por outra banda, tamén resultaron danados varias árbores da zona de xogos dos nenos/as de infantil. Xa fóra do recinto escola, apareceron varias plantas arrincadas nas proximidades da Casa do Concello.
O Concello, tras a inspección ocular realizada pola Garda de Civil de Valga e pola Policía Local de Pontecesures, está a presentar arestora a correspondente denuncia. Tamén estanse a avaliar os danos para presentar a documentación na aseguradora que ten a Consellería de Educación para garantir estes sinistros.
O goberno local quere condenar unha vez máis estes ataques ao patrimonio de todos. Resulta realmente repugnante que se ocasionen destrozos en edificios adicados á educación dos nosos fillos/as, e solicitamos a axuda cidadán para tratar de identificar aos causantes dos mesmos.