Cortizo, Exlabesa e Extrugasa son tres das empresas que máis postos de traballo xeran na zona. En Pontecesures, ademais, atópanse as filiais de Finsa (madeira) e Nestlé (lácteos); mentres que nos concellos veciños de Catoira e Dodro as conservas gañan por goleada con Friscos e Fesba.
A industria forma parte moi importante da economía galega, aportando 63.230 millóns de euros ao Produto Interior Bruto (PIB), o 5,2 % do total nacional, o que a sitúa como a sexta economía de España no que a volume xerado por este sector se refire. Sen embargo, botando unha ollada á distribución das empresas galegas, observamos que o maior movemento de contratacións no sector está concentrado únicamente nunha zona do territorio: a que vai dende Dodro ata Catoira, pasando por Padrón, Valga e Pontecesures. Unha estrela de cinco puntas que da traballo á metade da poboación da zona, e de moitos outros concellos limítrofes.Extrugasa
De feito, botando unha ollada aos últimos datos do Instituto Galego de Estadística (IGE), en Galicia o maior porcentaxe de afiliacións en alta laboral na industria no mes de xullo de 2023 deuse nestas zonas. Sacando Carballeda de Valdeorras, que levouse o valor máis alto, co 42,2 % de afiliados na industria do total de afiliacións levadas a cabo nese mes, os seguintes municipios serían Valga (cun 34 %), Catoira (cun 32,9 %), Dodro (cun 30,3 %) e Pontecesures (tamén cun 30,3 %); Padrón, pola súa banda, aparecía algo máis abaixo (cun 24,2 %).
E a que se debe semellante concentración? Aínda que entran moitos factores en xogo, especialmente que xullo é un mes onde os traballadores habituais collen as vacacións e faise necesario contratar a outros eventuais para cubrilos, tamén principalmente se debe ao feito de que nestes concellos durante moitos anos se instalaron o que a día de hoxe se consideran as empresas máis grandes do ámbito metalúrxico galego e nacional. A quen non lle sona Aluminios Cortizo, Exlabesa, Extrugasa ou STAC? Grandes potencias que, lonxe de afastarse as unhas das outras, concéntranse nun mismo perímetro, aportando gran riqueza a esta zona e ás súas xentes.
VALGA: EXLABESA, GALIPAN, EXTRUGASA E UROVESA
Así, no caso de Valga, as súas empresas máis grandes e con maior número de traballadores serían Exlabesa, Galipan e Extrugasa. Todos eles xigantes do aluminio en Galicia que facturan millóns de euros ao ano. De feito, Exlabesa, que segundo os datos de eInforma contaba no 2022 con 325 empregados, tivo unhas vendas no 2021 por valor de 194 millóns de euros. Pola súa banda, Extrugasa, con máis de 700 empregados, atópase entre as 25 primeiras empresas no ranking de produtoras de aluminio de España. E, Galipan, con máis de 200 empregados, tamén estaría no mesmo ranking entre as 150 principais empresas españolas adicadas aos metais en España.Exlabesa
Urovesa, que se sae algo fóra destas grandes metalurxias, adicándose ao sector da construción de vehículos militares (para os que tamén se emprega aluminio) conta cun persoal de 144 empregados, tivo unhas vendas no 2021 por valor de 61 millóns de euros, e está entre as 25 empresas máis importantes do territorio nacional en fabricación de vehículos. Case nada para un municipio que ten menos de 6.000 habitantes.
PADRÓN: CORTIZO E STAC
Pasando a Padrón, ademais das instalacións que Exlabesa ten á altura da nacional destino Santiago, o pobo de Rosalía de Castro e Camilo José Cela conta co xigante Aluminios Cortizo, que tamén fundou STAC. Aluminios Cortizo, cuns 1.000 traballadores únicamente nas empresas baixo a súa firma (ten moitas outras), tamén está, como non, entre esas 25 primeiras empresas produtoras de aluminio de España, e no 2021 tivo unhas vendas por valor de 443 millóns de euros. Pola súa banda, a irmá pequena, STAC, centrada na fabricación de produtos para o cerramento en aluminio, conta con 545 empregados e as súas vendas ascenderon nese mesmo ano a 160 millóns de euros. Sen dúbida, un xigante que emprega a centos de persoas nun pobo de pouco máis de 8.000 habitantes.
PONTECESURES: FINSA E NESTLÉ
En Pontecesures, pola súa banda, hai decenas de pequenas empresas fundadas ao redor do aluminio, que se aproveitan precisamente destas xigantes para xerar o seu propio negocio, o que tamén da un pulo enorme a un concello de tan só 3.000 habitantes. Aínda que neste municipio tamén hai dúas grandes fábricas industriais (non de aluminio, neste caso) que dan traballo aos veciños: Finsa e Nestlé. A filial de Finsa neste pobo, adicada á fabricación de taboleiros de madeira, forma parte desa gran empresa que ten en conxunto 2.600 traballadores e que no ano 2021 xerou vendas por valor de 805 millóns de euros, sendo a empresa número un de España en fabricación de taboleiros de madeira. De Nestlé, produtora de derivados lácteos, pouco hai que engadir: máis de 4.000 empregados en toda España, vendas por valor de 2,3 billóns de euros e número un no seu sector a nivel nacional.
CATOIRA E DODRO: FRISCOS E FESBA
Pasando ao caso de Catoira, cabe dicir que aínda que a industria metalúrxica situada nos arredores emprega a centos de persoas neste concello de pouco máis de 3.000 habitantes, non o fai tanto como a pesca. En concreto, o sector das conservas, coa xigante Friscos, da traballo a 130 persoas e tivo un volume de vendas en 2021 por valor de 65 millóns de euros, ocupando a posición décimo primeira no ranking de empresas españolas de fabricación de conservas de peixe, neste caso atún e mexilón. Na mesma liña, en Dodro atópase Fesba, adicada tamén ao comercio ao por maior de peixe, especialmente de polbo.
ROTACIÓN DE PERSOAL
Chegados a este punto, é importante reflexionar sobre a privilexiada situación da poboación galega que vive nesta zona limítrofe entre o sur da provincia da Coruña e o norte da de Pontevedra. En calquera familia ou grupo de amigos da zona hai persoas que traballan nestas empresas, que dan de comer a familias enteiras e xeran riqueza para estes pobos. A rotación de persoal é unha mecánica moi habitual nestas empresas, algo que non é precisamente positivo, pero que si permite que calquera persoa sen traballo que busque un parche durante un tempo para logo buscar outra cousa poida caer nalgunha destas opcións.Cortizo, fabricante de aluminio e PVC para arquitectura e industriaInterior da nova fábrica de Cortizo en Padrón
Galicia Confidencial