
O vindeiro sábado, Día do Mercado en Pontecesures.

Como sabedes, na nosa praza temos de todo para todos os días: peixe, carne, verduras, froitas e moito máis.
Para celebrar o Día do Mercado, poderemos degustar diferentes elaboracións realizadas por unha cociñeira profesional con productos frescos. Ademáis, repartirase entre todas aquelas persoas que se acheguen á Praza de Abastos material promocional do acto!
Anímate e consume local!
Concello de Pontecesures
Valga participa nun programa de televisión en Austria na procura de novos talentos musicais.

Delegación valguesa na gravación do programa Goldene Note.
Os gañadores do concurso serán alumnos o vindeiro curso do Centro Superior de Música Galicia
Onome de Valga soou na televisión pública de Austria, ORF, a través do concurso de talentos Goldene Note porque os tres gañadores desta edición serán o vindeiro curso alumnos do Centro Superior de Música CSM Galicia, con sede en Valga. Formarán parte do proxecto Promotion Program, co que o conservatorio ofrece aos estudantes a posibilidade de participar en concertos e recitais en teatros de prestixio internacional.
Para asistir á gravación da gala final do certame viaxaron a Viena o alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira Carmen Gómez, María Jesús Rey, xerente da empresa Galival Music que xestiona o CSM, e Simón Ibáñez, director do centro. Neste concurso están involucradas algunhas das institucións máis importantes de Austria a nivel musical e está aberto á participación de nenos e mozos dende 5 a 18 anos con instrumentos de vento, teclado, corda ou corda pulsada.
O programa, que se emite tanto en Austria como en Alemaña, acada unha audiencia duns dous millóns de espectadores e a gala gravada o martes na que se coñecerán os nomes dos tres premiados emitirase o vindeiro 31 de maio, segundo informa o Concello.
Bello Maneiro e Simón Ibáñez apareceron durante a gala nun vídeo gravado en Valga anunciando este premio que permitirá aos gañadores actuar no auditorio de Galicia en Santiago, na Ópera de Valencia e no Carnegie Hall de Nova Iorque en 2026. En Valga haberá oportunidade de velos tamén, xa que os novos talentos da música clásica asistirán a clases e participarán en recitais no auditorio municipal.
La Voz de Galicia
Letras Galegas 2024. Certame de Relato Curto en Pontecesures.
Na mañá de onte tivo lugar a entrega de premios do Certame de Relato Curto realizado polo Concello de Pontecesures no marco do Día das Letras Galegas deste ano.
Formando o xurado, contamos coa presenza de Mª Belén Senín Santiago e Ana Lorenzo Blanco, filólogas galegas e premiadas en certames de diferente índole literaria. Agradecer a súa colaboración altruista e profesionalidade para valorar os traballos realizados polos participantes.
A Alcaldesa Maite Tocino deu a benvida a participantes e familias, agradecendo a presenza e destacando o valor cultural e literario destas iniciativas. Posteriormente o Concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Alberto Rivas, fixo entrega xunto co xurado dos premios aos gañadores do certame, que presentaron os seus relatos de forma anónima e firmados con seudónimo para garantir a transaparencia do mesmo.
O primeiro premio foi para o relato “Ata sempre, Jules” asinado por Sra. Bigotes e realizado por Helena García.
O segundo premio foi para o relato “Flor Amarilis” asinado por Froggy e realizado por Itxaso Illarramendi.
O terceiro premio foi para o relato “Luces Azuis” asinado por Pitán e realizado por Nicolás Calvo.
Parabenizar ás persoas gañadoras e animalas a seguir cultivando o talento literario en galego, de vital importancia para o futuro. Vémonos na próxima edición!





Concello de Pontecesures
A banda de música de Valga celebra os seus 25 anos.

O parque Irmáns Dios Mosquera encheuse de xente para celebrar o que tamén é o cuarto de século da radio municipal.
Dicía o tango que vinte anos non son nada. Pero dos 25 non dicía ren. Valga celebrou este sábado, por todo o alto, o cuarto de século de vida da súa banda de música e, tamén, da súa radio municipal. O evento congregou no Parque Irmáns Dios Mosquera a unhas cincocentas persoas, entre oíntes da emisora local e membros e seguidores da agrupación musical. Entre todas esas persoas atopábanse o alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, que ademais é locutor de Radio Valga.
O rexedor destacou a importancia que a banda e a radio teñen para Valga. «Cando se puxeron en marcha partimos de cero, non tiñamos experiencia de ningun tipo no concello en ningunha das dúas áreas, por iso é unha enorme satisfacción que ambas se manteñan en activo despois dun cuarto de século. Sobre a creación da banda, Bello Maneiro explicou que esta agrupación xurdiu da Escola Municipal de Música, que se puxera en marcha uns anos antes porque «entendíamos que en Valga había materia prima suficiente».
Unha sesión vermú a cargo, como non podía ser doutro xeito, da banda abriu a programación da xornada festiva. Uns noventa músicos, integrantes actuais e pasados da banda, reuníronse para interpretar un repertorio de máis dunha hora de duración que incluíu un tema de estrea, Fervenzas, composto por Fernando Buide del Real. «Trata de enxalzar as nosas fervenzas», sinala o director da banda, Manuel Villar Touceda, quen calcula que, nestes 25 anos, pasaron pola banda uns 300 integrantes. Touceda quixo resaltar a contribución á agrupación de «tres grandes padriños»: Tito Castaño Conde, Ramona Otero Tanoira e o alcalde, José María Bello Maneiro.
La Voz de Galicia
