Pintor, escultor, ceramista, muralista e decorador traballou Cerámica Celta e en Cerámicas do Castro
Deixounos en Sada o grande xenio das artes e mestre de artistas —pintor, escultor, ceramista, muralista, decorador— o cesureño Jose Victoriano Llerena Ferro (Pepe Llerena) aos 95 anos de idade. Naceu o mesmo día que Rosalía, pero 91 anos despois, en 1928, fillo de Segundo Llerena Braña (irmán do meu bisavó) e Carmen Ferro. De meniño tivo que ser internado no sanatorio de tuberculosos da Lanzada, onde puido recuperarse de tan mortífera enfermidade, despois duns 5 anos de estancia. Alí foi onde descubriu a súa vena artística, despois de ver a unha enferma facer uns debuxos, empezou a dárselle por debuxar e espertoulle a que sería a súa desbordante imaxinación (cousa xenética de sempre na familia Llerena).
Saíu do sanatorio con 11 anos, sen saber ler nin escribir, pero logo cando vai á escola pronto ponse ao día. Xa moi mozo as súas ansias artísticas terán cabida comezando a traballar no seu pobo, na famosa Cerámica Celta que rexentaba Ramón Diéguez. Alí moldeaba figuras e as decoraba. Con 16 anos vai a estudar a Santiago na Escola de Artes e Oficios, mentres o compaxina dando clases particulares de debuxo, e xa daquela xa daba conta das súas andanzas artísticas o seu veciño Raimundo García, Borobó, no xornal La Noche.
Llerena Ferro, primero por la izquierda, con compañeros de Cerámicas do Castro –
Nos 50 vai traballar para a nova fábrica de cerámica artística do Castro (Sada), onde se converterá nun estreito colaborador de Isaac Díaz Pardo e sendo durante 40 anos o xefe decorador da empresa. Vivirá entre Sada e A Coruña. Nesta cidade será mestre de cerámica na Escola de Artes e Oficios, e fará moitos murais para as entradas de edificios de luxo. En 1970 pasará unha estancia en Ecuador, contratado pola ONU, para ensinar técnicas ceramistas. Ademais da cerámica e murais, e autor de moitas pinturas, de estilo abstracto, coa que se presentará a prestixiosos certames, sendo recoñecido e galardoado en varios deles. Era unha persoa dun carácter moi alegre.
Na vila natal deixou pegada coma escultor do escudo de Pontecesures, que está na casa do Concello e doou a preciosa serea que luce na piscina municipal (1989). Tamén soaravos a moitos a portada do libro Los últimos cien años de Cesures, que escribiu Jose Piñeiro Ares, pois a pintura do pino manso que alí aparece e tamén da súa autoría. Llerena soubo tamén transmitirlle a súa paixón pola arte aos seus fillos e incluso un deles, Antón Xosé Llerena López, é doutor en Belas Artes. Esa sensibilidade e carácter especial os seus fillos déixana con este agarimoso e sentido recordo na súa necrolóxica: «Foi un pai e marido exemplar e un home realizado e feliz polo que lle deu a súa vida centenaria, aquela que perdeu sen querer perdela, e que lle quereríamos alongar. Hoxe lle choran pola ría de Sada e polas ribeiras do Ulla, chórano as sereas do río e as mulleres todas que pintou e aquelas que abeirou, como tamén lle choramos, desconsolados, os familiares e amigos, mentres o gran Llerena, o noso mestre creativo, vai camiño de Santiago, soíño, na súa postremeira peregrinación».
Daniel Seijas
La Voz de Galicia