Radio Valga celebra o 6 de maio o seu aniversario previo as vodas de prata.

As actividades de xogos e música terán lugar no parque Irmáns Mosquera, abertas a todas as persoas que o desexen.

Presentación da festa que conmemora os 24 anos da emisora municipal. DP
Presentación da festa que conmemora os 24 anos da emisora municipal.

A emisora municipal, Radio Valga, celebra o seu vixésimo cuarto aniversario cunha festa para todos os oíntes que terá lugar o vindeiro 6 de maio no parque Irmáns Dios Mosquera. Nesta zona de lecer e esparexemento celebrarase un xantar popular e outras actividades lúdicas, entre elas xogos e actuacións musicais para amenizar a tarde.

A programación dará comezo ás 14:00 horas cun concerto da Banda de Música Municipal de Valga e ás 14:30 terá lugar o xantar cun menú formado por petiscos variados, empanada, polvo á feira, churrasco con patacas e ensalada, bebidas, sobremesa e café.

Os prezos para asistir á comida son de 35 euros para maiores de 16 anos e 15 euros para mozos de entre 11 e 15 anos. Os rapaces de ata 10 anos poden asistir gratuitamente, pero con reserva. As inscricións deben realizarse antes do día 3 de maio con pago a través da conta bancaria ES97 2080 5447 1230 4010 3378 ou mediante Bizum ao número de teléfono 606 23 76 54. Será imprescindible presentar o resgardo de pago.

Diario de Pontevedra

A Inchadiña Branca Vela trae ata Padrón vinte embarcacións.

A Inchadiña Branca Vela celebrábase por primeira vez no 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Xurdía así como unha iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a Rosalía de Castro, quen en Cantares falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. E dende entón a tradición pervive, e este sábado vinte embarcacións tradicionais de toda Galicia uníronse novamente á Inchadiña branca vela.
Subiron Ulla e Sar embarcacións chegadas das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Ribadeo: gamelas, galeóns, dúas bucetas, un carocho, un bote de Ribadeo e dornas de distinto tipo, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón, de Catoira, de Dodro e de Valga, ademais da adega Paco&Lola.

A xornada de navegación realizou o percorrido habitual. Subiron ás 16.00 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón. No municipio de Valga a concelleira de Turismo, Malena Isorna, saudou ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e a Amancio Prada, músico e compositor que participou na ruta fluvial a bordo da dorna Roxiña. A saída das travesías estivo amenizada pola Banda Municipal de Música da vila. Unha vez en Padrón rendeuse unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón padronés a iso das 18.30 horas. A continuación, arredor das 22.00 horas, tivo lugar un concerto do grupo Amigos do Acordeón das Rías Baixas.
Nesta décima edición da Inchadiña virán embarcacións de toda Galicia: o Langaño e o Támara, un bote e unha buceta do Freixo; o Minxos, gamela da Guarda; e as dornas Rosalía, Forza R, Madorniña, Fuxe, Anduriña, Nerea, Zenaida, Nova Maruxa, Bandalla, Maristela, Cadórniga, Ortelinda, Roxiña e Montañesa.
A Inchadiña deste ano estivo dedicada ao mariñeiro Parada, que participou en todas as edicións coa súa dorna Forza R e mesmo protagonizou o cartel da segunda. A el dedicóuselle un minuto de silencio durante a ofrenda na estatua de Rosalía. Segundo sinalaron dende a organización, a xornada de navegación foi pracenteira: coa marea e o vento a favor.



ANIVERSARIO A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada en base ao proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións e actividades deste 50 aniversario duraron todo un ano, dende xullo do ano pasado ata este domingo, 16 de xullo de 2022. A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. A Casa da Matanza convertiuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de toda a comunidade e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertiuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.
Tanta historia levou a que Casa de Rosalía decidise celebrar os seus 50 anos de vida por todo o alto: visitas virtuais, exposicións itinerantes, diálogos literarios multilingües… e incluso se reformou o auditorio da Casa Museo. Iso si, todo chega ao seu fina e farao este domingo co festival Abride a Fiestra, unha xornada de portas abertas.


Rematan as celebracións do aniversario

···Este domingo rematan os festexos do 50 aniversario e farano coa cuarta edición do festival Abride a Fiestra. A celebración acollerá diferentes manifestacións culturais que terán a Rosalía como figura central dos actos.

··· Como protagonistas deste domingo hai que destacar a Leilía, que están a celebrar o seu 30 aniversario, LaMontagne&PicoAmperio e Brais das Hortas para os máis pequenos.

··· Nesta xornada de portas abertas estará tamén Pepe Carreiro debuxando a Rosalía na Horta da Casa da Matanza. Haberá regueifas da man de Luís O Caruncho e Lupe Blanco. Non faltarán tampouco os libros e a literatura.

··· Haberá cinema da man da curta sobre Rosalía ‘A Rosa Incandescente’. Presentarase o proxecto ‘Es ti que cantas’ e terá lugar un obradoiro de astronomía.

··· Ademais desenvolverase unha cata de viños auspiciada pola adega Paco & Lola e volven as visitas guiadas.

El Correo Gallego

A BANDA DA LOBA na Plazuela de Pontecesures.

O concerto encádrase nos actos da Xunta polo Día das Letras Galegas

A BANDA DA LOBA rende tributo a Xela Arias, a escritora, poeta, editora e tradutora á quen este ano vai adicado o Día das Letras Galegas. Este quinteto feminino, que mestura música tradicional e vangarda, actuará o vindeiro venres 8 de Outubro na Plazuela a partires das 20 horas.

A iniciativa, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e forma parte da programación institucional das Letras Galegas 2021 da Xunta de Galicia. Entrada gratuíta ate completar aforo.

Os socialistas cesureños molestos porque non se programou ningún acto para o Domingo do Carme.

Isto dicían o pasado domingo

«»Por si algún veciño ainda non se decatou, hoxe é o domingo do Carme en Pontecesures, o día grande das festas patronais da nosa vila. Resulta vergonzoso que o equipo de goberno non quixera, a pesar das restricións obrigadas pola situación, celebralo. Os veciños e veciñas de Cesures, os de agora e os que nos precederon, merecemos un respecto moito maior do que as autoridades locais nos prodigan.Botar unhas bombas, facer un pasarrúas, ou un concerto dunha banda de música, actividades que si se poderían ter programado (ou non se fixo un concerto para a inuaguración do novo parque?, traerían un pouco de alegría aos veciños e veciñas de Pontecesures, que ben o merecen.»»

Socialistas de Pontecesures

CICLO “MÚSICA NO AR” NO ESPAZO “PONTECESURES CARA RÍA”

O vindeiro sábado 17 de Xullo terá lugar un concerto dentro do ciclo “Música no Ar”, co patrocinio da Deputación de Pontevedra.

Este ciclo de “Musica no Ar” naceu o ano pasado co fin de levar a música clásica a espazos patrimoniais de toda a provincia.

No caso de Pontecesures, este ciclo de “Música no Ar” traerá ao espazo “Pontecesures cara a Ría” un trío do ensemble Vertixe Sonora, un dos máis prestixiosos de Galicia a nivel internacional, se pensamos en estilo clásico-contemporáneo. Composto por un trío de oboe, fagot e guitarra eléctrica, interpretarán obras de música clásica contemporánea.

Un proxecto de Vertixe Sonora sobre a conexión coa natureza e os cambios de modo para habitar o territorio a través de experimentación sonora e a exploración emocional con obras de Carolyn Cheng e Jessie Merino. Ademáis interpretarán unha peza de estrea mundial.

O acceso será libre ate completar aforo e será necesario cumprir todos os protocolos sanitarios.